Trípoli
Capital de Libia e do baladiyya homónimo (1.682.000 h [1995]). Situada na costa mediterránea, no centro dun fértil oasis, é o principal centro económico. Agrupa á metade das industrias e é o porto máis grande do país. Fundada por colonos fenicios e sicilianos (s IV a C), a primitiva Oea foi dominada, sucesivamente, por cartaxineses, romanos e bizantinos. Coa conquista árabe, baixo ‘Amr ibn al-‘Ā ṣ (643), converteuse nun dos centros das rebelións político-relixiosas norteafricanas, sobre todo en tempos dos ibaditas. Roger d’Hauteville, durante a expansión normanda en Sicilia, tomouna temporalmente (1146-1158). A partir do s XVI pasou do dominio hispánico (1510-1530) ao dos cabaleiros de Malta (1530-1551) e aos turcos, e converteuse nun foco da pirataría mediterránea. Ocupada polos italianos en 1911, foi a base aliada da campaña de Libia (1941-1943) e pasou ao poder do exército do xeneral Montgomery, en 1943. De época romana conserva o arco en honor a Marco Aurelio e Lucio Vero (163). O edificio máis importante é o castelo (as-Sarāy), do s VII, refeito polos casteláns e cabaleiros de Malta no s XVI.