Tripolitania
Rexión do NO de Libia que ata 1963 foi, con Cirenaica e Fezzān, unha das tres provincias federadas do país. Consta dunha chaira litoral areosa (Djttara), pechada no S polos outeiros de Dahar e polo altiplano de Al- Ḥ amādah al Ḥ amrā’, que a separa de Fezzān. Rexión árida, con escasas chuvias en inverno, ao L, despois de Mi ṣ rāta, é case desértica. A poboación está formada por árabes e bérberes arabizados e no interior a maioría son seminómades ou nómades e dedícanse á gandaría. A área de cultivos é moi restrinxida e depende do regadío. É un centro de extracción de petróleo, gas natural e ten salinas. A rexión foi habitada xa en época prehistórica. Os fenicios fundaron nela os primeiros emporios de Leptis Magna e Sábrata (primeiro milenio a C). Sometida ao dominio cartaxinés, pasou a mans dos númidas (146 a C) ata a ocupación romana (106 a C). Ocupada polos vándalos (455?) e posteriormente (534) polos bizantinos, foi unha provincia consular, administrada por un duque e anexada á diocese de Exipto. No s X pasou a formar parte do Imperio Fatimita, acadou a independencia baixo a dinastía bérber local dos Banū ḫ azrūn (999-943) e foi ocupada por Roxelio II de Sicilia (1146-1158). Durante a expansión almohade, rexida de novo por unha dinastía bérber local (Banū Na ṭ rū ḥ ), someteuse á vasalaxe dos califas ata que pasou ao poder dos háfsidos na primeira metade do s XIII. Tomada polos otománs en 1551, foi un vilayet, que co tempo chegou ser hereditario e practicamente independente ata 1835. Coa sinatura do tratado italo-turco de Ouchy-Laussane (1912), Italia ocupou a zona costeira. Logo da conquista franco-británica (xaneiro de 1943) foi administrada provisionalmente pola coroa británica, ata que constituíu, xunto a Cirenaica, o reino independente de Libia (1951).