2 trobar
(< 1 trovar)
Arte de facer composicións artísticas cultas con letra e música, que facían os trobadores e que despois se estendeu a outras linguas románicas, vinculado semanticamente co concepto retórico latino da inventio e, foneticamente, cos tropos ou ampliacións do canto litúrxico cristián; esta dobre orixe revela claramente a xénese auténtica da poesía trobadoresca. Moi cedo, os trobadores precisaron este concepto con adxectivos que tendían a determinar diversas maneiras de realizar estilisticamente a poesía. As composicións dividíanse entre aquelas de fácil comprensión e aquelas máis herméticas e escuras, que á súa vez se dividían en conceptista, cun contido denso e frecuentemente moralizador; e culteranista, chea de filigranas, con rebuscadas dificultades versificatorias (rima rara e interna), aliteracións e sonoridades sen unha especial orixinalidade do contido.