trotskismo
(< antropónimo Lev Trockij)
Doutrina política que, dentro do movemento comunista internacional segue as teses de Lev Trockij. Os puntos doutrinais básicos do trotskismo son: a teoría da revolución permanente, ligada á afirmación de que a revolución socialista ten que ter necesariamente un carácter internacional; a teorización da existencia dunha casta burocrática na URSS, que usurpaba o poder obreiro e chegaba á forma extrema do stalinismo; e a necesidade da construción dun partido de vangarda que una os sectores máis conscientes e activos do proletariado. Historicamente, concretouse como unha corrente dentro do comunismo en 1923, coa formación, no seo do partido bolxevique, da Oposición de Esquerda. Vencido por Stalin na URSS, o trotskismo estendeuse aos partidos comunistas do resto do mundo, dos que foi sucesivamente expulsado. Asemade, a morte de Trotski (1940) e a Segunda Guerra Mundial paralizaron o trotskismo. Desde entón conseguiu algúns éxitos locais en países do Terceiro Mundo, Bolivia, Sri Lanka, e conseguiu unha corrente radical influínte en Europa e América. En 1953 disociouse o Comité Internacional, en 1961 o Buró Latinoamericano, e en 1963 o Secretariado Unificado, maioritario en Europa. Por outro lado, o outro gran sector da IV Internacional coñeceu crisis sucesivas: a de 1971 desenvocou no Comité Internacional da IV Internacional (Gerry Healy); en 1972 disociouse a tendencia dirixida por Pierre Lambert concretada na IV Internacional; e por último, outro sector (Michel Varga), con militantes dos países do Leste de Europa e o Partido Obrero Revolucionario de España autoconsideráronse desde 1976 a IV Internacional reconstruída.