Tui, catedral de
Catedral situada en Tui, baixo a advocación de Nosa Señora da Asunción. A súa orixe atópase nun mosteiro beneditino e nunha igrexa situadas no barrio de San Bartolomeu. Segundo un documento de 1071 Urraca afirmaba que se construíra alí unha catedral dedicada a santa María, que posteriormente foi arrasada polo que a igrexa de San Bartolomeu desempeñou as funcións de catedral.
A orixe
Segundo os documentos o inicio das obras puido ser en 1120, durante o goberno do bispo Afonso, ou en 1125, cando o Rei Afonso de Portugal fixo unha doazón á igrexa de Tui. Outra data que se sinala é a de 1170, cando o Rei Fernando II mandou trasladar o asentamento da cidade a outro lugar máis seguro, identificable co lugar onde se atopaban as posesións da Igrexa. Desde entón documéntanse diversas doazóns para a súa construción. Consagrouse baixo o goberno do bispo Estevo Egea (1218-1239), entre 1224 e 1225. Tendo en conta a documentación e a tipoloxía arquitectónica da mesma, obras deberon de iniciarse antes de 1150.
O interior
Iniciouse en estilo románico no s XII coa construción das ábsidas, o cruceiro e as naves menores, pero no s XIII adaptouse ao gótico, coa construción da nave maior, as partes altas e as cubertas. Ten planta de cruz latina con tres naves, aínda que o brazo maior é moi curto e a achega á planta de cruz grega. A cabeceira orixinal tiña tres ábsidas rectangulares que desapareceron coas obras de ampliación realizadas entre 1495 e 1499 polo bispo Pedro Beltrán. As primitivas dedicábanse, a central á Virxe María, a norte ao Apóstolo Santiago e a sur a san Pedro. A capela maior conserva a bóveda de cuarto de esfera da primitiva construción e amosa no tramo máis recente unha bóveda de cruzaría. Á esquerda do altar maior atópase a capela de Santiago e á dereita a de San Pedro, ambas as dúas góticas. A sancristía atópase a esquerda da capela de Santiago. Construída entre 1496 e 1517 é de planta rectangular e cóbrese con bóvedas nervadas. A capela de San Telmo atópase no lado sur da cabeceira. Construída no s XVI, en tempos do bispo Diego Fernández Torquemada, ampliouse no s XVIII e, ademais do relicario coa cabeza de san Telmo, consérvanse sepulcros de diversos bispos. Ten planta e cóbrese cunha bóveda nervada. O cruceiro é, xunto co da catedral de Santiago de Compostela, o único de Galicia que ten tres naves, separadas por piares compostos de sección cruciforme. Os arcos formeiros do cruceiro e os que dan acceso á cabeceira son de medio punto, dobrados e peraltados e as naves laterais son románicas. Cando se reiniciaron as obras no s XIII, o gótico adoptouse na nave central do cruceiro e na maior das lonxitudinais. As bóvedas da nave central do cruceiro son de cruzaría tripartita, mentres que as laterais cóbrense con bóvedas de aresta. Sobre elas os arcos de cuarto canón, que serven de contrarrestro da bóveda da nave central, permiten a apertura dun triforio que percorre toda a igrexa. As naves laterais tiveron nos muros ventás románicas que foron cegadas. Os piares que separan as naves lonxitudinais son máis estilizados ca os do cruceiro, e serven de apoio a arcos apuntados. As naves cóbrense con bóvedas cuatripartitas. En tempos do bispo Diego de Avellaneda (1526-1537) construíuse o cimborrio, que presenta unha bóveda estrelada. Aos pés da nave lonxitudinal atópanse as capelas de Santa Catarina, no lado sur, e Santo André ou do Sacramento, no lado norte, ambas as dúas góticas. A primeira construíuse no s XV, no bispado de Diego I de Muros, e restaurouse no s XVIII, en tempos do bispo Anselmo Gómez de la Torre. Ten catro tramos con tribuna ou coro alto aos pés e en 1976 comezáronse as obras para acondicionala como Museo da catedral. Na capela do Sacramento, reformada no s XVIII, destaca a bóveda nervada que a cobre. Nela administraba xustiza Pedro Madruga. Consérvase o claustro medieval ao que se accede polo brazo sur do cruceiro. A súa construción puido iniciarse a finais do s XIII. As ventás ábrense cun dobre van apuntado situado baixo un gran tímpano que se sustenta por pequenas columnas. Os tramos do claustro cóbrense con bóvedas de cruzaría. Acolle a sección lapidar do Museo. No lado esquerdo atópase a primitiva sala capitular románica e, no ángulo SO, a torre grande de Soutomaior que, construída en 1419 e cun aspecto defensivo, está coroada con ameas ao exterior.
O exterior
A catedral presenta polo exterior un aspecto defensivo, ao mostrar muros macizos rematados en ameas. A portada principal atópase acubillada tras un gran pórtico, flanqueado por dúas torres, cun grande arco apuntado e tamén ameado. A porta correspóndese coa nave central. No segundo corpo ábrese un óculo. As arquivoltas apuntadas apóianse en oito pares de columnas onde se representan, na parte superior, personaxes do Antigo e do Novo Testamento. O tímpano está dividido en tres frisos superpostos onde se representan escenas desenvolvidas dentro do marco arquitectónico: a Anunciación, o Nacemento de Xesús e o anuncio aos pastores no inferior; a Adoración dos pastores e a Epifanía no intermedio; e a representación da Xerusalén Celeste, simbolizada por estruturas arquitectónicas. Estaba rematada en 1287 e a fachada norte é a única románica. A porta está formada por unha arquivolta de catro roscas de medio punto que se apoian en dous pares de columnas acobadadas con capiteis vexetais. Nela érguense dúas torres: a das Campás, románica agás no derradeiro corpo que é do s XVIII, e a do Reloxo, gótica. Foi declarada BIC en 1931.