Tunes
Capital de Tunisia e da wilāya de Tunes (674.142 h [1994]). Non só é a capital política e intelectual, senón tamén o corazón da vida económica do país. O porto, construído no lago, está unido ao mar por un canal de 10 km de lonxitude, en cuxo extremo está o anteporto de La Goulette. A función portuaria e as necesidades da aglomeración urbana levaron ao desenvolvemento das actividades industriais, localizadas preto do porto, nos suburbios. Primitiva praza forte (Tynēs) que protexía Cartago, pasou ao dominio de Roma (144 a C). Capital do reino vándalo de África (450-533), foi conquistada polos bizantinos (533) e os musulmáns (695), e converteuse no centro económico da rexión musulmá de Ifriquiya durante toda a época aglábida (s IX). Durante a dominación fatimita (s X) converteuse nun dos focos máis importantes da resistencia ortodoxa contra a doutrina xiíta. Incluída sucesivamente nos imperios almorábide e almohade (ss XI-XII), converteuse na capital do novo estado háfsido (1236), que estableceu importantes lazos comerciais coa Europa mediterránea. Tras a ocupación benimerina (1347-1350) foi cobizada tanto pola coroa española como polos piratas berberiscos ao servizo de Solimán I. La Goulette foi tomada e a cidade foi saqueada por Barbarrubia (1534). O contraataque da escuadra integrada por naves hispano-portuguesas e xenovesas, aliadas cos Estados Pontificios e a orde de Malta, e comandada por Andrea Doria, implicou a destrución da cidade e a aceptación da vasalaxe a favor da monarquía española. Outra vez baixo dominio otomán (1570), foi reconquistada por Xoán de Austria (1574), e caeu de novo, ao ano seguinte, en poder dos turcos. Residencia dos paxás e dos beis semiindependentes do país ata o final do protectorado francés (1956), foi a capital da nova república independente. Dos numerosos edificios da medina -que foi declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO (1979)- destaca a mesquita de al-Zaytūna, fundada en 732 e reedificada no s IX baixo os aglábidas, que ademais conta cunha madrasa da época dos háfsidas, que se considerou como un dos centros de estudos relixiosos máis importantes do Magreb.