Tunisia

Tunisia
Nome científico: [nome oficial: República de Tunisia; ár: Al-Gumhuriya al-Tunisiya]

Estado do N de África que limita ao N e ao L co Mar Mediterráneo, ao SL con Libia e ao O con Alxeria (164.150 km2; 9.932.400 h [estim 2004]). A súa capital é Tunes.
Xeografía física
Tunisia está constituída por tres rexións naturais: o Tell, a estepa e o deserto. O Tell comprende as rexións montañosas do N, cortadas por accidentes transversais (fallas e fosas tectónicas). Ata el descenden o Atlas do Tell e o Atlas Sahariano, que se unen formando a cordilleira tunisiana (Djebel Chambi, 1.544 m). As cordilleiras litorais, con precipitacións abundantes, están cubertas por bosque mediterráneo. O deprimido val do Medjerda que separa ambas zonas montañosas é de solos fértiles. O sector meridional da cordilleira tunisiana está formado por domos e cubetas transversais separados por depresións e gorxas. O seu clima é máis seco e a vexetación ten carácter mediterráneo meridional. No L os relevos descenden cara á chaira litoral, interrompida por outeiros e sementada de sebkhet (lagos salgados), onde abunda a auga a unha escasa profundidade. A estepa, situada entre a cordilleira tunisiana, Gafsa e o mar, é un vasto conxunto que descende de forma gradual desde a fronteira con Alxeria ata o Mediterráneo. Comprende as estepas altas de clima rigoroso e seco, as estepas baixas e o Sahel, formado por unha chaira aluvial. As precipitacións diminúen cara ao S e a vexetación é sobre todo de esparto e arbustos espiñosos. Na banda meridional, o deserto pertence ao dominio sahariano, agás ao redor do golfo de Gabes, que é unha rexión de transición entre a estepa e o Sáhara e conta con numerosos oasis. No interior, o Djeffara é unha chaira árida sementada de depresións pechadas. Ao L, as lagoas salgadas ocupan unha depresión entre o contraforte das montañas de Gafsa e o altiplano sahariano. Agás algúns oasis, a vexetación é escasa. As costas, altas e rochosas ata al Rā’s al Abiad, caracterízanse despois por entradas profundas, rodeadas de lagoas e dunas, onde se abren os golfos de Tunes, Hammamet e Gabès. Os ríos son permanentes con réxime variable ao N, mentres que no S son uadis.
Xeografía económica
A agricultura é o principal recurso económico. País moi pobre en auga, o seu desenvolvemento depende en gran parte da extensión do regadío. Cultívanse cereais (trigo e orxo), oliveiras, cítricos e dátiles. Tamén son importantes os produtos da horta e a froita temperá (sobre todo os tomates). Outros cultivos son o tabaco, as legumes e a remolacha azucreira. A gandaría é importante na rexión central, con ovellas e cabras, e ao N críase gando bovino. A pesca proporciona sardiñas, xardas, bocartes, atúns e esponxas, e dá lugar a unha industria conserveira. O subsolo ten importantes reservas de petróleo, a máis valiosa das súas exportacións, gas natural e fosfatos. Extráense tamén ferro, zinc e chumbo. A enerxía eléctrica débese aos hidrocarburos e ás plantas hidroeléctricas. A industria baséase no procesamento dos produtos agrícolas (onde destaca a industria oleícola) e mineiros. Outros sectores son o téxtil e os de materiais de construción, maquinaria, produtos químicos, papel e madeira. Os medios de comunicación están relativamente ben desenvolvidos. En 1996 tiña 2.168 km de ferrocarrís e 23.100 km de estradas, o 78,9% asfaltadas. Os seus portos principais son Tunes-A Goleta, Radès, Bizerta, Sousse, Sfax, Gabès e Zarzis. Destaca o porto petroleiro de La Skhirra. O aeroporto principal está en Tunes, pero destacan tamén os de Djerba e Sfax. O comercio co estranxeiro é claramente deficitario. As importacións consisten esencialmente en maquinaria, ferro, aceiro e algodón, a cambio de petróleo e derivados, confección, superfosfatos, ácido fosfórico e aceite de oliva. Os seus provedores principais son Francia e Alemaña, e os seus clientes principais Francia, Italia e Alemaña. O déficit de mercadorías sáldase en parte coas transferencias dos traballadores tunisianos no estranxeiro e co turismo.
Xeografía humana
Cunha densidade de 60,1 h/km2(2003), a poboación está repartida dun xeito moi irregular e concéntrase na rexión litoral norte. A poboación urbana (63,7%) concéntrase en Tunes, Sfax, Sousse, Bizerta e Kaioruan. O crecemento anual para o período 2000-2005 fixouse no 1,1%. A taxa de crecemento natural foi do 11,5‰ en 2000.
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta maioritariamente por árabes (98%), seguidos de bérberes (1,7%), franceses (0,2%) e italianos (0,1%). A lingua oficial é o árabe, pero tamén se fala o francés. A maioría da poboación é musulmá sunnita (99,5%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Tunisia entre os países cun desenvolvemento humano medio (92° posto mundial cun índice de 0,745). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 70 anos para os homes e 74 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 73,2% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 75%, e o PNB real por habitante é de 6.760$ EE UU.
Goberno e política
Protectorado francés desde 1881, acadou a independencia o 23 de marzo de 1956 e constituíuse como república. A Constitución aprobouse o 1 de xuño de 1959 e emendouse en 1988 e 2002. O poder executivo reside no presidente da república, elixido para un período de 5 anos por sufraxio universal. Este nomea ao primeiro ministro. O poder lexislativo correspóndelle ao Majlis al-Nuwaab/Chambre des Députés, composto por 182 membros elixidos para un período de 5 anos. O sistema xudicial baséase no dereito civil francés e na lei islámica. Os principais partidos políticos son o Rassemblement Constitutionelle et Démocratique (RCD), o Mouvement des Démocretes Socialistes (MDS), o Parti de l’Unité Populaire (PUP), a Union Démocratique Unioniste (UDU), o Mouvement Initiative Démocratique (MID) e o Parti Social-Libéral (PSL). Organismos internacionais: Liga Árabe, Organización da Conferencia Islámica (OCI), ONU, Unión Africana (UA) e asociado á UE.
Historia

Da Antigüidade á dependencia califal
Habitada por bérberes númidas e colonizada a costa polos fenicios (I milenio a C), pobos procedentes de Tiro fundaron nela Cartago, que pouco a pouco foi impoñendo o seu dominio sobre as outras colonias fenicias, ata que caeu baixo os romanos (146 a C). Xunto aos reinos de Numidia, ao S e ao O, formou a provincia romana de África. Suxeita á annona e profundamente romanizada, foi un dos centros máis florecentes do cristianismo occidental. Conquistada por Xenserico (439) e polos bizantinos (533), coa invasión árabe (647) integrou á Ifrīquiya musulmá. A islamización das tribos bérberes foi moi rápida e Tunisia pasou a depender sucesivamente dos califatos omeia e abbásida. Un dos gobernadores nomeados por Bagdad, Ibrāhīm al-A ḡ lab, constituíu un reino independente no s XI. Incluída no imperio dos fatimitas de Exipto (s X), o goberno da rexión foille encomendado aos Banū Zīrī pero, ao negarse estes a continuar recoñecendo a autoridade dos califas do Cairo, os fatimitas provocaron a invasión de Ifrīquiya por parte dalgunhas tribos beduínas de Arabia (1057). A anarquía sementada polos beduínos favoreceu a intervención normanda a través de Sicilia (Roxelio II), freada pronto ao ser incluída Ifrīquiya no imperio dos almohades (1159), que crearon unha nova dinastía local, a háfsida, que conseguiu independizarse (1228-1575) e promover unha das épocas máis esplendorosas do país.
O dominio turco
A caída do reino dos háfsidas foi debida, ademais de á invasión benimerina, ás loitas hispano-otomás para ocupar o Mediterráneo, cuxo porto La Goulette, na cidade de Tunes, constituía un centro clave. O país rematou por caer en poder dos turcos (1575) e, a mediados do s XVI, iniciouse lentamente a inmigración de mouriscos hispánicos (incrementada en 1609), que fundaron núcleos de poboación, introduciron novas técnicas agrícolas, artesanais, bélicas e científicas, e supuxeron un grande impulso para a economía do país. Coa caída dos beis da dinastía muradita, a raíz da invasión alxerina de 1702, ascendeu a nova dinastía dos husseinitas. Mu ḥ ammad VI al- Ṣ ādiq (1859-1881) organizou a administración á europea e proclamou (1861) unha constitución en que Tunisia era considerada monarquía hereditaria, dirixida polo bei e por un consello lexislativo de 60 membros. A forte crise económica motivou a intervención de Francia, interesada polo país desde a ocupación de Alxer, e que, polo Tratado de Qa ṣṣ ar Sa’īd (1881), declarou o réxime de protectorado (1883), baixo o bei ‘Alī IV ibn Ḥ usayn.
O protectorado francés
As medidas da nova administración (substitución de ministros indíxenas por técnicos franceses, desamortización dos bens públicos relixiosos ou o paso das terras más fértiles a mans dos colonos franceses) provocaron axiña o descontento da poboación, aínda que a resistencia política organizada non se iniciou ata comezos do s XX a mans de ‘Alī Baš- ḥ amba e al- Ṯ a’alibī (exiliados en 1931). O impulso das correntes nacionalistas culminou coa fundación (1919) do partido Al- Ḥ izb al- ḥ urr al-dastūrī (Destur). Pero o impulso decisivo estivo determinado polo xiro liberal e laico que propugnou Habib ibn Alí Bourguiba a partir de 1933. Durante a Segunda Guerra Mundial o bei Mu ḥ ammad X al-Munsif (1942-1943) intentou contemporizar cos nacionalistas, pero foi destituído e ocupou o seu lugar Mu ḥ ammad XI al-Amīne (Lamine Bei). A medida, impopular e cualificada de inxusta, provocou novas desordes que a administración francesa procurou calmar concedendo algunhas melloras, como a da reforma do Gran Consello de Tunisia, que a partir de entón (1945) estivo constituído paritariamente por representantes franceses e tunisianos. Entrementres, Bourguiba conseguiu o apoio da Liga Árabe e participou na creación da oficina de Magreb (1947).
A independencia
Despois do anuncio da ONU da próxima independencia de Libia, creceron as esixencias do Destur. A raíz do encarceramento de H. Bourguiba (1952), as desordes internas obrigaron a Francia a concederlle a independencia ao país, o 20 de marzo de 1956. Bourguiba foi elixido presidente da asemblea nacional e xefe de goberno, depuxo ao derradeiro bei, aboliu a monarquía e proclamou a república (1957). As relacións con Francia víronse gravemente empeoradas con motivo do apoio que lle prestou ao FLN alxeriano na súa loita pola independencia (1958), e polo seu ingreso na Liga Árabe, chegando a romperse as relacións comerciais entre ambos países (1964) e producíndose unha forte caída do dinar tunisiano. Iniciáronse a reforma agraria e as colectivizacións comerciais e industriais coa axuda económica de EE UU e o partido gobernamental (o único legal) decantouse cada vez máis cara a posicións totalitarias e dereitistas, e concentrou o poder na persoa de H. Bourguiba. En 1974 foi nomeado presidente vitalicio do Partit Socialiste Destourien (PSD), e en 1975, despois de modificarse a constitución, presidente vitalicio da república.
A liberalización do país
Despois duns graves disturbios estudantís e sindicais (1977-1978), o réxime iniciou un proceso de liberalización política que se acelerou en 1980, pouco despois dun intento de golpe de estado en que estaba implicada Libia. En 1981 permitiuse a actuación da maioría dos partidos políticos e convocáronse eleccións, que gañou amplamente a Fronte Nacional, coalición formada polo Destour e a Union Générale des Travailleurs. En 1984 estalaron graves disturbios a raíz do aumento nun 115% do prezo do pan e, a partir de 1986-1987, o réxime tunisiano tivo que enfrontar unha escalada das manifestacións dos fundamentalistas islámicos (representados polo partido Hezb Ennahsa). A finais de 1987 Bourguiba tivo que dimitir do seu cargo por razóns de saúde, e foi substituído polo primeiro ministro Zine al Abidine Ben ‘Alí. Este e o seu partido (Rassemblement Constitutionelle et Démocratique, RCD) renovaron por maioría absoluta os seus cargos nas eleccións de 1994 e de 1999. Desde 1999 Mohamed Ghannouchi converteuse no primeiro ministro. Exteriormente, as relacións deste país prooccidental (en 1995 firmou un acordo de cooperación coa UE) adoitaron ser tensas coa veciña Libia.