Turkestán

Turkestán

Rexión histórica e xeográfica de Asia central, habitada por pobos turcos, comprendida entre o Mar Caspio ao O, as estepas siberianas ao N, as montañas de Altai e o deserto de Gobi no L e as serras do Hindu Kush, de Pamir e do Kunlun ao S. Convencionalmente divídese no Turkestán occidental ou ruso, que abrangue Turkmenistán, Kirguizistán, Uzbekistán, Taxikistán e a parte meridional de Kazakhstán; no Turkestán oriental ou chinés, que abrangue o zizhiqu de Xinjiang Uygur; e o Turkestán meridional ou afgán, que abrangue a parte setentrional de Afganistán. Pola súa situación xeográfica, no medio das rutas comerciais que unían o Mediterráneo co Extremo Oriente, a rexión sufriu un continuado cruzamento de culturas e de invasións. No s X iniciouse a penetración do Islam a partir de Transoxiana. Despois da conquista de Xenguis Khan (1218-1220), Turkestán permaneceu separado do Imperio Mongol e formou un khanato independente. En 1639 Turkestán foi ocupado polo timúrida Tuhgluk Timur, que trasladou a capital a Samarcanda. Ao comezo do s XVI o xefe uzbeko Šaybānī Khan dominou o territorio ata que, despois dun período de dependencia de Astrakan, foi incluído na expansión do afgán Nādir Shāh (1740). En 1867 o Turkestán occidental converteuse nunha provincia dentro do imperio ruso; a partir de 1886 a provincia foi denominada oficialmente Territorio de Turkestán. Despois da Revolución de Outubro (1918) converteuse en república autónoma.