Tareixa de Xesús, santa
Relixiosa carmelita. De nome Teresa de Cepeda y Ahumada, en 1535 entrou no convento de La Encarnación (Ávila). Propúxose reformar a orde do Carmelo para facela retornar ao antigo rigor. En 1562 fundou o primeiro convento reformado, o de San José de Ávila. Despois realizou, en medio de dificultades e mesmo persecucións, moitas outras fundacións. A tarefa renovadora e as súas experiencias místicas ata a fundación do primeiro convento narrounas en Vida, da que se conserva só a segunda redacción, pois a primeira foi requisada pola Inquisición. Os azares das fundacións posteriores explicounos en Libro de las fundaciones. Estes dous documentos autobiográficos compleméntanse coas Cartas. Entre as súas obras de carácter doutrinal destacan Camino de perfección (1562-1564) e o tratado ascético-místico Moradas del castillo interior (1577). O seu estilo é coloquial, cheo de formas da lingua viva da época, de locucións populares e de comparacións tiradas do contacto directo coa vida. A súa sintaxe toma a miúdo xiros que rompen os moldes paradigmáticos e acadan unha inusitada expresividade. En 1622 foi canonizada e, en 1970, o Papa Paulo VI proclamouna Doutora da Igrexa. Represéntase vestida como carmelita descalza, con hábito de cor castaña, toucas brancas e veo negro, amplo manto branco abrochado ante o peito e sandalias; leva un libro e pluma (como escritora), bordón pastoral con cruz de dobre traveseiro (como reformadora); e frecha de lume no corazón e pomba como símbolo do Espírito Santo (como atributos persoais). Xunto co Apóstolo Santiago é a patroa de España. A súa festividade celébrase o 15 de outubro.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Gotarrendura, Ávila -
Deceso
Lugar : Alba de Tormes