Tarento
Tarento
Capital da provincia homónima, Puglia, Italia, situada no ángulo setentrional do golfo de Tarento (201.349 h [2001]). Colonia da Magna Grecia fundada polos espartanos no s VIII a C, foi conquistada por Roma en 272 a C. Conquistada polos godos en 549, pasou, sucesivamente, ás mans dos longobardos, do Imperio Bizantino e dos árabes, e foi liberada por Nicéforo II Focas. Capturada por Robert d’Hauteville (1063), converteuse no centro do principado de Tarento, ata que en 1465 foi incorporada á Coroa de Aragón. Ao comezo do s XIX foi conquistada e novamente construída polos franceses. En 1860 integrouse definitivamente en Italia. Destacan a catedral, románica (s XII) e a fachada románico-gótica da igrexa de San Domenico Maggiore (s XIII).