Teodosio II
Teodosio II
Emperador romano de Oriente (408-450), fillo e sucesor de Arcadio. De carácter feble, viviu baixo as influencias do seu titor Antemio, da súa irmá Pulqueira, quen foi asociada ao goberno como augusta en 414, e da súa muller Atenaida. Pactou cos hunos, que atravesaron o Danubio, devastaron Tracia e camiñaron cara a Constantinopla, unha paz pola que lles cedeu terras ao S do Danubio e lles pagou un tributo anual desde 443. Durante o seu reinado tivo lugar o Concilio de Éfeso (431), onde foron condenados os partidarios de Nestorio. Da súa época é o Código Teodosiano.