Úbeda Piñeiro, Rafael

Úbeda Piñeiro, Rafael

Pintor. Formouse con L. Pintos Fonseca e na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando cursou as especialidades de pintura, gravado e mural (1956-1961). Completou a súa formación nos Países Baixos, como gravador, e en Italia, como muralista. Evolucionou desde o expresionismo (Compostela, 1978) cara á abstracción e o informalismo, facéndose cada vez máis manifestas as características cubistas (Gaiteiro gris, 1993; Cabeza, 1994) e futuristas. Tendeu a darlle un maior colorido ás escenas (Diálogos, 1984), xogando coa variabilidade de tons e poñendo moito coidado na consecución de texturas. Representou escenas figurativas, con personaxes extraídos do mundo da farándula (Pitonisa, 1993; Trasnos na vila, 1996), como arlequíns, pallasos, monicreques (Soño de marionetas, 1998) ou bailarinas (Danzarinas, 1994), ademais de temas musicais como Liña melódica (1986), Homenaxe a Haydn (1987-1988) e Concerto (1994). Destacan os murais da basílica da Anunciación de Nazaret, en Galilea, os do santuario de Nosa Señora dos Milagres de Amil (1971) e os do Gran Hotel da Toxa (1972). Membro da Real Academia de Bellas Artes recibiu, entre outros, o Primeiro Premio da Bienal de Pontevedra (1969).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Pontevedra