Ucraína

Ucraína
Nome científico: [nome oficial en ucraíno: Ukrajina]

Estado de Europa Oriental, que limita ao N con Bielorrusia, ao N e ao L con Rusia, ao S co Mar de Azvov e o Mar Negro, a SO con Moldavia e Romanía, e ao O con Hungría, Eslovaquia e Polonia (603.700 km2; 48.547.000 h [2001). A capital é Kiev.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
Ucraína esta formada por un baseamento de rochas cristalinas (granito e gneis), recuberto de materiais sedimentarios, o chamado macizo ucraíno-voliniano. Sobre este zócolo esténdense un conxunto de chairas que ocupan a maior parte do territorio e constitúen o extremo meridional da gran chaira rusa, pero que aquí ofrece varias rexións bastante diferenciadas. A montaña só ocupa unha pequena parte ao O e no extremo S de Crimea. No N e no centro distínguese unha ampla chaira dunha altitude de 200 m formada por materiais fluvioglaciares e arxilas, regada no N polos afluentes da dereita do Prip’at’ e no centro polo Dniéper, e que se caracteriza pola abundancia de brañas. No L, a rexión do Dinec’, que inclúe a beira da chaira rusa, é unha zona de terras baixas, outeiros e cómaros. Aquí está a conca hulleira do Donec’kyj Bacejn, coñecida co nome de Donbass. Ao S, a península de Crimea, unida ao continente polo istmo de Perekop, está formada por unha chaira no N e montañas do SL, que dominan o litoral cunha escarpada vertente. No O o relevo é máis variado: as chairas de Roztocca e Podolia achéganse aos 500 m de altitude e están cortadas polos numerosos vales dos ríos. Ao N destas, esténdese a Volinia, máis baixa e recuberta de loess. Ao SO, os Cárpatos (Hoverl’a, 2 061 m) forman un conxunto de serras paralelas.
Climatoloxía, hidroloxía e vexetación
Ucraína ten un clima propio dentro de Europa Oriental. Os invernos son moi fríos, con numerosas xeadas, que duran desde finais do mes de novembro ata abril. O verán é precoz e moi cálido, seco e luminoso. As chuvias están repartidas moi desigualmente e aumentan de S a N; a zona máis chuviosa é, non obstante, a dos Cárpatos. A gran maioría da rede hidrográfica pertence á conca do Mar Negro e do mar de Azov. O río máis importante é o Dniéper, que recibe as augas do Desna, aínda que tamén destacan o Dnièster, o Bug Meridional, o Dinec’ e o delta do Danubio. A vexetación típica é a estepa, no sentido de prado; ao N e ao NO abundan grandes extensións de bosques, formados por carballos, bidueiros e outras árbores de follaxe caduca: no SL hai zonas de mato salpicadas de bosques e nos Cárpatos hai bosques de coníferas.
Xeografía económica
Ucraína é un país con grandes recursos económicos. A agricultura viuse favorecida polos solos extraordinarios, as terras negras (chernozem), e aínda que é unha terra de cereais, sobre todo de trigo, os tipos de cultivos ordénanse en relación á cantidade de solo e á latitude. Ademais de gran, prodúcese remolacha azucreira, patacas e vexetais. O xirasol é a principal oleaxinosa. A froita cultívase sobre todo en Crimea, onde destaca a produción de uva. Na gandaría sobresae o gando bovino, seguido do gando de la, o porcino e o avecío. Os esteiros do Mar Negro son as principais zonas bentónicas. O mar de Azov perdeu a súa riqueza piscícola polos efectos do desecamento e a contaminación. Os recursos minerais inclúen importantes depósitos de carbón (Donbass), mineral de ferro, manganeso, gas natural e petróleo (Cárpatos, Dniéper-Donec’ke e Crimea). A industria é o sector económico máis importante. Atópanse complexos industriais relacionados coa metalurxia do ferro e a química. Outras manufacturas son os equipamentos para a metalurxia, maquinaria diésel e pesada, tractores e televisións. A industria química produce sobre todo fertilizantes minerais, ácido sulfúrico e coque. A alimentación elabora produtos derivados, sobre todo do azucre e do xirasol. A industria lixeira concéntrase no téxtil, o calzado e os electrodomésticos. Ucraína importa petróleo e gas natural, maquinaria e produtos químicos, alimentos, combustibles e metais de Rusia, Turkmenistán e Alemaña, e exporta metais ferrosos, maquinaria e produtos químicos a Rusia, Bielorrusia e China. A moeda é o hryvna. Ucraína dispón dunha boa rede de comunicacións: 22.510 km de ferrocarril (1998), 168.674 km de estradas (1999) e 3.662 km de vías navegables internas (1996).
Xeografía humana
O crecemento anual é negativo -0,8% (2000-2005). A taxa de natalidade é elevada 9,2‰ (1999) igual que a de mortalidade (14,8‰). En 2003 tiña unha densidade de poboación alta (80 h/km2), sobre todo nas zonas industriais, e a poboación era maioritariamente urbana (67,2%).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
A poboación está composta maioritariamente por ucraínos (64,7%), rusos (32,8%), xudeus (0,7%), moldavos (0,6%), tártaros (0,4%), bielorrusos (0,3%) e outros (0,5%). A lingua oficial é o ucraíno. A maior parte da poboación é atea (57,5%) e os grupos relixiosos maioritarios son os ortodoxos (29,9%), católicos (8,2%), protestantes (3,5%) e xudeus (0,9%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Ucraína entre os países cun desenvolvemento medio (70º posto mundial cun índice de 0,777). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de de 63 anos para os homes e 74 para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 99,6% da poboación, o índice bruto de escolaridade é do 84% e o PNB real por habitante é de 4.870 $ EE UU.
Goberno e política
República federada no ámbito da URSS, declarouse independente o 24 de agosto de 1991 e participou da fundación da CEI o 21 de decembro de 1991. A Constitución do 28 de xuño de 1996 foi modificada o 16 de abril de 2000. O presidente da república é elixido para un período de cinco anos por sufraxio universal. O poder lexislativo correspóndelle ao Verchovna Rada/Verchovny Sovet (Consello Supremo), formado por 450 membros que son elixidos para un período de catro anos, a metade deles por representación proporcional. O sistema xudicial baséase na lei civil. O Tribunal Supremo está formado por cinco xuíces que son elixidos polo Verchovna Rada para un período de cinco anos. As principais organizacións políticas son a coalición Blok Viktora Iuščenka Naša Ukrajina (NU), Za Jedinu Ukrajinu (ZYU) e Viborcyj Blok Julii Tymošenko (JT) e o Komunistična Partija Ukrajiny (NDPU), o Socialistycna Partija Ukrajiny (SPU) e o Social-Demokratyčna Partija Ukrajiny [Ob”jednana] (SDPU [o]). Forma parte dos seguintes organismos: Consello de Europa, CEI, ONU, BERD e OSCE.
Historia

As orixes
A partir do s II a C varias tribos habitaron o seu territorio. Estas fundaron un estado que se descompuxo en varios territorios, despois dos enfrontamentos contra os ávaros, ocupados polas tribos dos polianos, os severianos, os volinianos e os drevlianos. A mediados do s IX apareceron os varegos que, conducidos por Rurik, dominaron a poboación indíxena e fixeron posible unha nova formación política, Rus’, con Kiev como centro.
O principado de Kiev
Durante a primeira metade do s X, Kiev converteuse no centro do principado homónimo, gobernado polo príncipe Oleg. En 907 Oleg levou a termo unha exitosa expedición militar a Bizancio que foi continuada (969) por Sviatoslav I de Kiev (945-972), tamén en Bulgaria. Baixo Vladimiro I de Kiev (980-1015) introduciuse o cristianismo e á morte de Iaroslav I de Kiev (1017-1054) o principado dividiuse entre os seus cinco fillos. A partir de entón, os enfrontamentos entre os príncipes menores ocasionaron a intervención de forasteiros e en 1223 Kiev foi ocupada e destruída polos mongois. Co tempo, o principado de Galitsia e Volinia (unidos en 1199) foi gañando importancia e o estado ucraíno, baixo o seu dominio, existiu ata a fin da súa dinastía (1340). Despois, os territorios de Ucraína occidental foron ocupados por Polonia mentres que, a mediados do s XIV, os lituanos aproveitaron a debilidade do poder dos tártaros para ocupar as terras de Ucraína setentrional e central. Despois da unión de Lituania e Polonia (1569), os territorios ucraínos caeron baixo a dominación directa de Polonia.
A era dos cosacos
A mediados do s XVI, os cosacos fundaron no baixo Dniéper a fortaleza de Zaporiz’ka Sič e defenderon o pobo ucraíno dos ataques dos tártaros. Posteriormente, durante a ocupación dos polacos, que non recoñeceron os dereitos sociais e políticos dos ucraínos, rebeláronse contra eles en unión cos campesiños e baixo as ordes de Bohdan Khmel’nyc’kyj (1648-1657), fundador do estado cosaco ucraíno. Durante o goberno deste, o territorio ucraíno foi dividido en dúas zonas de influencia: a da dereita do Dniéper pertenceu a Polonia e a da esquerda a Moscova. Pouco a pouco o estado ucraíno dos cosacos foi perdendo soberanía e en 1685 a Igrexa Ortodoxa ucraína foi sometida pola forza ao patriarcado de Moscova. As actividades diplomáticas de Ivan Stefanovič Mazepa tiveron como resultado un tratado con Suecia co fin de facer resistencia ás agresións de Moscova e conseguir de novo a independencia do estado ucraíno. A derrota de Poltava (1709) fixo fracasar estes plans e, aínda que os sucesores de Mazepa intentaron defender a autonomía de Ucraína contra as tendencias imperialistas de Pedro I e Catarina II de Rusia, en 1775 Zaporiz’ka Sič foi destruída e desde 1781 as zonas de goberno ucraínas foron substituídas polas gobernacións rusas. Ucraína converteuse nunha provincia máis de Rusia. A causa da partición de Polonia, Austria apropiouse de Galitsia (1772) e Bucovina (1775). Na segunda (1793) e terceira (1795) particións de Polonia (1793), as terras da ribeira dereita do Dniéper pasaron ao dominio de Rusia, que tamén conquistou (1774-1791) as partes que foran ocupadas polos turcos.
O renacemento nacional
Coa caída do estado ucraíno xurdiu un renacemento cultural, que comezou coa aparición de Ivan Kotljarevs’kyj Eneida. En 1861 foi abolida a escravitude e desde 1870 tomaron corpo diversos movementos políticos. O rexurdimento da vida cultural dos ucraínos intranquilizou o goberno ruso, que en 1863 prohibiu a edición de libros de texto en ucraíno e a importación (1876) de libros ucraínos do estranxeiro. O centro cultural de Ucraína pasou daquela á zona occidental, con capital en L’viv. A finais do s XIX o movemento nacionalista e revolucionario foise facendo cada vez máis poderoso e durante o s XX xurdiron a maior parte dos partidos políticos do Estado. A Sociedade dos Ucraínos Progresistas tomou a dirección política pero, ao estoupar a Primeira Guerra Mundial, o goberno ruso prohibiu toda actividade política. Xurdiron o Consello Ucraíno, representación nacional dos ucraínos en Austria, e a formación militar Tiradors Sič, que se puxeron a favor dos estados centrais.
Renacemento do estado ucraíno
Despois da Revolución de marzo de 1917 en Rusia, creouse o Ukrajins’ka Central’na Rada) Consello Central Ucraíno) que proclamou a autonomía de Ucraína en 1917 e un ano despois, a plena independencia e a soberanía da República Popular Ucraína, recoñecida por Francia e Reino Unido, con Volodymyr Vynnyčenko como xefe de goberno. Mentres, os disidentes bolxeviques rusos iniciaron desde outubro a ocupación de territorios, polo que foi necesario o envío de tropas de Alemaña e Austria coa misión de frealos e liberar os espazos conquistados. En 1918 o xeneral Pavlo Skoropads’kyj tomou o poder, eliminou a república e autonomeouse hetman do estado ucraíno, proclamando desde o 14 de novembro de 1918 a federación do estado ucraíno coa URSS, pero a oposición organizou unha revolta e conseguiu depoñelo, e deste xeito a administración do estado quedou en mans dun directorio, encabezado por V. Vynnyčenko. Despois da caída da monarquía austrohúngara, os ucraínos de Galitsia e os de Bucovina proclamaron a fundación da República Popular Ucraína Occidental (1918). Ambas repúblicas uníronse desde 1919 baixo a presidencia de Symon Petljura que iniciou, sen éxito, unha loita común cos polacos contra os bolxeviques. O tratado de paz entre Polonia e a URSS (1921) e a decisión do consello de embaixadores de 1923 levaron á integración de Galitsia (Ucraína Occidental) en Polonia.
Ucraína entre as dúas guerras mundiais
Tras a Primeira Guerra Mundial, os territorios ucraínos foron repartidos entre a URSS, Polonia, Romanía e Checoslovaquia. Mentres que na URSS toda resistencia era afogada con sangue, nos outros estados os ucraínos puideron organizarse política e culturalmente. Con todo, a organización ucraína máis activa, a Ukrajins’ka Vijskova Orhanizacja (Organización Militar Ucraína) foi ilegalalizada. En 1939 a Ucraína transcarpática proclamouse independente, baixo a presidencia do bispo católico Avgustyn Vološyn. Polo Tratado Xermano-soviético de 1939, a URSS anexionou os territorios de Galitsia, o O de Volinia (1939), o N de Bucovina e unha parte de Besarabia (1940), todos pertencentes a Ucraína Occidental. Cando Alemaña entrou en guerra coa URSS (1941), Ucraína converteuse en campo de batalla e, baixo a dirección política da Ukrajins’ka Holovna Vyzvolna Rada (Consello Principal de Liberación Ucraíno), o Ukrajins’ka Povstans’ka Armja (Exército Revolucionario Ucraíno) continuou a loita contra os soviéticos, ata 1950.
A integración na URSS
Despois da Segunda Guerra Mundial, todos os territorios ucraínos integráronse na República Socialista Soviética de Ucraína, que en 1954 anexionou a península de Crimea, de poboación maioritariamente tártara. Aínda que a política de Ždanov e o stalinismo frearan o desenvolvemento dos ucraínos, os primeiros anos de goberno de Nikita Khruščov (1956-1959) fixeron nacer certas esperanzas dunha maior liberdade e púxose en marcha un proceso de oposición. Isto provocou unha onda de represións coa finalidade de conseguir a rusificación total de Ucraína. A raíz do establecemento da perestrojka, Ucraína foi unha das repúblicas precursoras na reivindicación das liberdades nacionais e democráticas e en 1990 declarou a soberanía. As eleccións ao Soviet Supremo deste ano levaron ao poder a unha coalición de dirixentes comunistas e membros do movemento de oposición moderada Rukh.
A independencia
Cofundadora da Confederación de Estados Independentes (CEI), en 1991, despois dun frustrado intento de golpe de estado, Ucraína declarou a independencia. Nas eleccións dese mesmo ano Leonid Kravčuk foi elixido presidente. No medio dunha grave crise económica, en 1992 iniciáronse reformas para a introdución da economía de mercado e as relacións con Rusia tornáronse cada vez máis tensas a raíz da disputa sobre o arsenal soviético nuclear almacenado en territorio ucraíno, o control sobre a frota ex-soviética do Mar Negro e o estatuto da península de Crimea. En 1994 asinouse un acordo de desmantelamento das armas nucleares de Ucraína e o mesmo ano o Partido Comunista gañou as eleccións xerais. Tamén en 1994 Leonid Kučma gañou as eleccións presidenciais e outorgouse un amplo poder; foi reelixido en 1999. En novembro de 1995, Ucraína foi nomeada membro do Consello de Europa e en 1996 aprobou unha nova constitución, modificada en 2000. En 2004, a consecuencia das sospeitas da existencia de irregularidades (fraude electoral e envelenamento do candidato Iuščenko) durante o proceso electoral en que resultou elixido Viktor Janukovyč, candidato favorito de Rusia, tivo lugar un proceso de manifestacións, coñecido como Revolución Laranxa, no que miles de opositores vestidos desa cor (representativa do partido da oposición) esixiron a celebración dunha segunda volta. O resultado foi a invalidación do anterior resultado e a proclamación de Viktor A. Iuščenko, do Blok Viktora Iuščenka Naša Ukrajina como presidente do país. Julia Volodymyrivna Tymošenko converteuse en primeira ministra, pero foi destituída en 2005, acusada de corrupción. Foi substituída por Y. Yejamurov. A finais de 2005 Rusia aumentou o prezo do gas que proporcionaba a Ucraína, o que provocou o seu desabastecemento, ao tempo que ameazaba a subministración a diversos países europeos. O acordo acadado entre ambos os dous países non foi aceptado polo Verchovna Rada, que destituíu o goberno de Yejamurov a pesar da oposición do presidente Iuščenko.