ucraíno -na
(< topónimo Ucraína)
-
-
adx
Relativo ou pertencente a Ucraína, aos seus habitantes ou á súa lingua.
-
s
Natural ou habitante de Ucraína.
-
adx
-
[ETN/HIST]
-
adx
Relativo ou pertencente ao pobo ucraíno.
-
s
Individuo do pobo ucraíno.
-
s
m pl
Pobo eslavo establecido nas terras meridionais do que posteriormente foi o Reino de Kiev. Aquí chegaron os varegos ou rus, que se fusionaron coas tribos eslavas. Esta terra chamouse Rus’ e posteriormente Rutenia, denominación empregada por Roma, o Imperio Austrohúngaro e Rusia (a partir do grego Rõssía), que acabou por designar as terras da antiga Moscovia. A denominación empregouse sobre todo a partir da formación do Principado de Moscova, e acabou designando os habitantes orixinais da antiga Rus’, do Reino de Kiev.
-
adx
-
s
m
[LING]
Lingua eslava oriental que pertence á familia lingüística baltoeslava do phylum indoeuropeo. Fálase en Ucraína e en zonas de Rusia e escríbese en alfabeto cirílico. Presenta tres grupos dialectais: o do norte, arcaizante (Polesia), o do suroeste, moi diferenciado (Volinia, Podolia, Galitsia, cos seus subdialectos, e Bucovina) e o do sueste, máis unitario, que ten a súa orixe nos esforzos de colonización dos ss XV-XVIII para repoboar as rexións esteparias despoboadas polas invasións nómades. A partir de 1790 a moderna lingua ucraína escrita desenvolveuse sobre a base do dialecto dos territorios de Poltava e Čerkasy.
-
arte ucraína
[ARTE]
Arte desenvolvida en Ucraína. A creación do Reino de Kiev deu orixe a unha arquitectura de formas grandiosas e austeras, con mosaicos e pinturas ao fresco nos interiores das igrexas (catedral de Santa Sofía, en Kiev). Nas imitacións bizantinas aparecen motivos locais (igrexa de San Miguel, en Kiev, s XII), e tamén nas miniaturas dos manuscritos (Evanxeliario de Ostromir, s XI). Na época das invasións, as igrexas pequenas foron adaptadas a finalidades de defensa (igrexa-fortaleza de Sutkivci, en Volinia, do s XIV), e construíronse fortalezas (Kamjanec Podils’kyj, s XIV). Na pintura impúxose unha interpretación propia e popular dalgúns temas e desenvolveuse tamén a arte do manuscrito (Evanxeliario de Peresop, s XVI) e do libro impreso (S. Fiol 1491; I. Teodorovič, 1574). Xurdiu tamén a pintura de cores de carácter realista de Rutkeviě e Kondzalevič. Durante os ss XVI e XVIII fixéronse grandes construcións de pedra (praza Rynok, en L’viv) e igrexas, de estilo barroco ucraíno (mosteiros de Vyduvec e de Pečerska Lavra) e mostras de transición cara ao rococó (igrexa de Santo André en Kiev e de San Xurxo en L’viv). O entusiasmo polo clasicismo produciu obras importantes en Poltava, Kherson, Odessa e Kiev. No romanticismo destacaron Dmytro Levjckyj (1735-1822) e Volodymyr Borovykovs’kyj (1757-1825) e no realismo Taras Ševčenco. Despois do eclecticismo do s XIX, a arquitectura buscou un estilo de carácter popular: continuaron as construcións en madeira (Zemstvo, en Poltava, de Vasil’ Kryčevs’kyj), e intentouse facer evolucionar o barroco ucraíno (Academia de Agricultura, en Holosijevo, de Dmytro Djačenko). En escultura destacaron Mykhajlo Paraščuk (1878-1963), Alexander Archipenko, Ivan Severa (1891-?) ou Kal’čenko (1926); e en pintura, Sergij Vasyl’kivs’kyj (1854-1917), Mykola Muraško (1844-1909) ou Oleksij Novakivskyj (1872-1935).
-
literatura ucraína
[LIT]
Literatura cultivada en lingua ucraína. As súas orixes, en eslavo antigo, corresponden ao fondo común da literatura rusa. Cómpre diferenciar entre textos relixiosos, a miúdo traducidos do grego, e textos profanos, como a Poucenie (Ensino) de Vladimir Monòmac, a Crónica de Néstor (que vai ata 1110) e literatura cabaleiresca e feudal, como Slovo o polku Igorevi (Canción da hoste de Igor, finais do s XII). Coas invasións tártaras a literatura culta decaeu ata finais do s XIX. O primeiro libro, datado en 1491, é un salterio escrito en ucraíno, e a Biblia de Ostrog imprimiuse en 1580. A unión con Roma (1596) produciu abundante literatura relixiosa de carácter polémico entre ortodoxos e católicos. A academia de Kiev (1632) introduciu un sistema de ensino copiado dos xesuítas, do que saíu a literatura barroca tardía. A produción de crónicas continuou tamén sendo importante durante todo o s XVIII. A finais deste século a lingua ucraína foi fortemente combatida, tanto polo polaco como polo ruso, situación que provocou reaccións de protesta entre os escritores, como Hrehor Poletyka (1725-1784) e Hrehor Skovoroda (1722-1794). Paralelamente desenvolveuse unha poesía popular sobre todo en mans dos kobzari ou cantores ambulantes, e os banduristi, ou tocadores de bandurra; pero non tiveron ningunha influencia decisiva na literatura erudita ata o s XIX. Para unha maior comprensión da literatura ucraína cómpre ter presentes os feitos históricos da fin do s XVIII, sobre todo a división de Ucraína: a parte oriental, baixo dominio ruso, e a parte occidental, Galitsia, baixo o imperio austrohúngaro. A caída do estado ucraíno coincide co rexurdimento literario. A primeira obra importante da literatura moderna é a versión burlesca da Eneida (1798) de Ivan Kotljarevskyj. No s XIX a actividade literaria foi intensa, destaca Taras Ševčenko, poeta nacional por antonomasia. Na segunda metade do s XIX o goberno tsarista prohibiu en dúas ocasións (1863 e 1863) o uso da lingua ucraína na parte sometida por Rusia, pero a literatura saíu máis fortalecida. Despois de Ševčenko cómpre mencionar a P. Kulis e S. Rudans’kyj e os poetas I. Scoholiv e O. Pavlovyč,. A prosa describe primeiro a vida dos campesiños na súa condición de escravos, a vida dos intelectuais das vilas, o nacemento do movemento obreiro nas rexións petroleiras de Galitsia, o proletariado das vilas e os intelectuais revolucionarios das cidades. Os autores da Ucraína occidental e da emigración, J. Malanzuk e U. Samcuk, describiron os sucesos do movemento nacionalista e da guerra civil dos anos 1917-1920. Nos anos vinte formáronse na Ucraína soviética dous grupos principais de escritores: os neoclásicos de Kiev, de tendencias nacionalistas parnasianas, como M. Ryls’kyj e J.Klen-Burkhardt, e os poetas líricos de Kharkiv, de tendencias nacional-comunistas, como P. Grigor’evič Tyčina, V. Sosura e M. Khvylovs’kyj. Ambos os dous movementos desfixéronse polo terror tsarista dos anos trinta, e impúxose o realismo socialista, unha literatura rusófila e adaptada aos modelos soviéticos. Coa desestalinización da década de 1960 apareceu unha unión de mozos poetas, entre os que destacaron V. Simenenko, I. Drac, V. Stus, I. Kalinec ou I. Kostenko.
-
música ucraína
[MÚS]
Arte musical cultivada en Ucraína. Orixinouse como música popular das tribos eslavas do leste. A música profana era cultivada por músicos ambulantes ou ben adscritos ao servizo dos nobres. Arredor da Igrexa Ortodoxa xurdiu unha potente corrente musical ao servizo da liturxia (sobre todo música vocal); o chamado canto chan de Kiev, baseado na influencia bizantina e en elementos do folclore ucraíno, adquiriu moita importancia. Cara ao s XVI desenvolveuse a polifonía, que influíu profundamente na rusa. O ensino musical estendeuse nas escolas cara ao s XVII. Do s XVIII datan os primeiros compositores coñecidos, como M. Berezovs’kyj (1745-1777). No s XIX xurdiu un importante núcleo de autores de música escénica, a miúdo baseada en temas folclóricos, de acordo cos postulados románticos do nacionalismo musical (M. Lysenko, 1842-1912). En 1868 inaugurouse o conservatorio de Kiev, seguido polos de Kharkiv (1871), Odessa (1886) e Poltava (1902). Ao mesmo tempo xurdiron teatros de ópera e formacións sinfónicas estables. Cara a finais do s XIX destacaron K. Stecenko (1882-1922), autor de cantos, pezas corais e óperas, e P. Senicja (1879-1960). Sobresaen a compañía de Ópera de Kiev e varias formacións corais, ademais da Orquestra Sinfónica do Estado Ucraíno, fundada en 1923. Da música popular destacan os dous instrumentos máis coñecidos, o torban e a bandurra, así como as cancións e os bailes dos cosacos.