Uhía Lima, Manuel
Pintor e ilustrador. Formado inicialmente na Escola de Artes e Oficios de Vigo, en 1967 desprazouse a Madrid para estudar na Real Academia de San Fernando e no Círculo de Bellas Artes. O seu estilo comezou vinculándose ao realismo costumista e académico, próximo en ocasións á nova figuración. Con estas obras realizou as súas primeiras exposicións. En 1968, atraído pola pintura dos diferentes ismos, decidiu viaxar a París e realizar algún experimento informalista. A actividade artística de Uhía divídese entre a pintura, a ilustración e o deseño gráfico. A primeira evolucionou cara á abstracción, tal e como amosou na III Bienal Internacional (1978) e na V Bienal Nacional (1979) de Pontevedra. Parte da súa obra delata a inspiración mariña, dominada polas liñas curvas que se converten en motivos oníricos. Sobre este mundo submarino dirixiu varios documentais cinematográficos, galardoados en festivais nacionais e internacionais. Como ilustrador de literatura infantil e xuvenil colabora en diversas editoriais e no ano 1996 escribiu Pinturiño (1997), o seu primeiro conto para nenos, ao que lle seguiron outros títulos, como O anel (2001), Evaristo, un corvo moi listo (2002), O Paraestrelas (2004) e O caracol sen sol (2005). A súa obra foi exposta en distintas galerías e salas de arte, e participou en diversas bienais e mostras colectivas de debuxo e pintura en diferentes cidades de España e Francia, ademais de Bratislava, Múnic e México. Obtivo mencións especiais nos Salóns Internacionais de Avignon e Evian no ano 1983, e foi galardoado co Premio Rañolas de Debuxo (1997) e co Premio dos lectores Gálix de ilustración (2004).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Portonovo, Sanxenxo