Umbria

Umbria

Rexión de Italia, situada no interior da península, entre Marcas ao L, Lacio ao S e Toscana ao O (8.456 km2, 815.588 h [2001]). A súa capital é Perugia. Comprende as provincias de Perugia e Terni. Situada en plena cordilleira apenina, está constituída pola conca alta e media do Tíber, val que separa a zona apenina, ao L, da subapenina, ao O. O clima é submediterráneo. A súa economía é basicamente agrícola e a industria céntrase en Terni. Antigo territorio dos umbros, foi dominado por etruscos e romanos (295 a C). Desde o s VI deuse este nome ao ducado de Spoleto, posesión bizantina que pasou ao poder dos papas de Roma, conformando a provincia de Perugia (s XIII). Formou parte da República Romana (1798-1800) e do imperio francés (1808-1814). En 1860 volveu ao dominio papal e uniuse definitivamente ao Reino de Italia.