Umia
Río da vertente atlántica que nace na aba noroccidental da serra de Penas, na parroquia de Aciveiro (Forcarei). O seu curso adopta primeiramente unha dirección L-O coa que drena as parroquias de Quintillán e Meavía e penetra no concello da Estrada, polas parroquias de Ribela, Liripio, Codeseda, Souto e Arca. Pasa ao concello de Cuntis por Cequeril e logo delimita este concello co de Moraña. Despois, por Santo André de Cesar, penetra no concello de Caldas de Reis. Na vila vira cara ao SO e a partir de aí serve de fronteira co concello de Portas, antes de penetrar na comarca do Salnés, na que delimita os concellos de Vilanova de Arousa e Cambados co de Ribadumia. Desemboca na ría de Arousa entre as parroquias de Vilariño (Cambados) e Sisán (Ribadumia), despois de percorrer 45 km e drenar unha conca de 404 km2.