Unamuno y Jugo, Miguel de
Escritor e filósofo. Catedrático de Grego e reitor da Universidad de Salamanca, tivo que fuxir a Francia durante a Ditadura de Primo de Rivera. Despois dunha actitude favorable ao alzamento militar de 1936, enfrontouse publicamente co xeneral Millán Astray. Membro da Xeración do 98, destacou como novelista, xénero en que reflectiu a súa visión angustiosa da vida, as súas obsesións e perplexidades, servíndose dos personaxes para explotar a realidade e a alma humanas. Destacan as novelas Paz en la guerra (1897), Amor y pedagogía (1902), Niebla (1914), Abel Sánchez (1917), Tres novelas ejemplares (1920), La tía Tula (1921) e San Manuel Bueno, mártir (1931), ademais do ensaio Vida de Don Quijote y Sancho (1905), os poemarios, en que expresou o seu talante angustioso, paradoxal e variable, Rosario de sonetos líricos (1911), El Cristo de Velázquez (1920), Romancero del desierto (1928) ou Cancionero (1953), e as pezas teatrais Fedra (1924), El otro (1922) e El hermano Juan (1934). Como filósofo centrou a súa preocupación no home, a súa liberdade e as tensións que vive a cabalo entre a vida e a morte (racionalidade agónica), así como nas relacións entre a racionalidade e a fe ou a existencia de Deus. Destacan as súas obras Mi religión y otros ensayos (1910), Del sentimiento trágico de la vida en los hombres y en los pueblos (1913) e La agonía del cristianismo (1931). Tamén tratou o conflito entre os españolizantes e os europeizantes e fixo unha fonda reflexión sobre España en Por tierras de Portugal y España (1911) ou Andanzas y visiones españolas (1922). Foi nomeado doutor honoris causa polas universidades de Grenoble (1934) e Oxford (1936).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Bilbao -
Deceso
Lugar : Salamanca