Unión de Centro Democrático
Coalición de partidos políticos fundada durante a Transición (1977), baixo o liderado de Adolfo Suárez. Estaba integrada polo sector de centrodereita, os sectores evolucionistas do Franquismo (F. Abril i Martorell, P. Cabanillas, L. Calvo Sotelo e R. Martín Villa) e grupos da oposición democrática máis moderada encabezados por F. Álvarez de Miranda ou F. Fernández Ordóñez. Nas eleccións lexislativas do 15 de xuño de 1977 obtivo o 34% dos votos (166 escanos), e gobernou grazas ao apoio parlamentario e ao consenso establecido con Alianza Popular, o PSOE e o PCE. Aínda que foi reelixido nas eleccións de 1979 con maioría relativa (34,8%; 168 deputados), as disputas internas polo poder e os fracasos nos comicios autonómicos de 1980 en Euskadi e Catalunya sumírono nunha crise que derivou na dimisión de Suárez (1981) como presidente do goberno e do partido, polo que foi subtituído ata o fin da lexislatura L. Calvo Sotelo. Entre 1981 e 1982, unha serie de escisións deron lugar ao Partido Demócrata Popular, aliado de AP, ao Partido de Acción Democrática, e ao Centro Democrático y Social, dos seguidores de Suárez, e desmantelaron o partido. O seu descenso reflectiuse na derrota nas lexislativas de 1982, nas que presentou como candidato a Landelino Lavilla. En 1983 o consello político procedeu á liquidación do partido.