urbanización

urbanización

(

  1. s f

    Acción e efecto de urbanizar.

  2. s f [DEMOG/XEOG]

    Crecemento acelerado das cidades en poboación e en superficie e na expansión dos modos de vida urbanos. Aínda que aparece en fases históricas diversas, a explosión urbana contemporánea é un dos elementos da revolución demográfica que, nas áreas de culturas europeas, vai ligada á Revolución Industrial. Produciuse tamén unha ruptura, que modificou cualitativamente a paisaxe urbana e a circundante, estendendo os sectores económicos secundario e terciario e relegando o primario a posicións marxinais. A comezos do s XIX só Londres e París, de entre todas as cidades do mundo, superaban o medio millón de habitantes; Nápoles, Moscova e Ōsaka tiñan máis de 250.000; e Madrid, Roma, Palermo, Milán, Venecia, Petrogrado, Berlín, Hamburgo, Viena, Marsella e Barcelona e algunhas outras cidades europeas, entre 100.000 e 250.000. O s XIX foi o gran século da urbanización para Europa Occidental, por primeira vez a poboación das cidades medrou máis rápido ca a do campo dunha maneira regular. O derradeiro cuarto do s XX, malia a esaxerada uniformidade dos barrios novos de todas as grandes cidades, as diferenzas funcionais, que se manteñen firmes, permiten establecer diferentes tipos de cidades: a cidade capitalista evolucionada, a dos antigos países comunistas e a do Terceiro Mundo. A cidade máis evolucionada é a postindustrial, terciarizada, que a miúdo consta dun núcleo antigo, que é capital administrativa e dos negocios, rodeada de barrios dormitorio, e afastadas das industrias. Este modelo europeo é distinto ao de EE UU, pois nos últimos anos teñen importancia as industrias, que volven ocupar os ocos do centro urbano. Nas cidades xaponesas, incluídas no modelo estadounidense, a fachada de estilo norteamericano oculta moitas edificacións tradicionais e pequenas. As aglomeracións urbanas máis grandes nesta categoría son Nova York, Toquio, París, Londres, Chicago e Los Angeles. Inclúese tamén Barcelona, Madrid, Roma, Milán, Atenas, Manchester, Birmingham, Berlín, Montréal, Toronto, Detroit, Philadelphia, Washington, San Francisco, Boston, Sidney, Melbourne, e, en Xapón, Ōsaka, Kōbe e Yokohama. Nestes estados capitalistas existe un gran predominio de poboación urbana, agás en Dinamarca e Noruega, onde predomina a rural. As antigas cidades socialistas foron planificadas sen suburbios e a miúdo conservan os barrios antigos, domina nelas a función industrial, pero non son tan grandes. As únicas excepcións son Moscova, con preto de 9 millóns de habitantes, e San Petersburgo, que chega aos 4 millóns e medio. As cidades do Terceiro Mundo son a miúdo anárquicas e moi heteroxéneas, planificadas con máis ou menos éxito, como as chinesas ou vietnamitas. A elas pertencen algunhas das cidades máis grandes do mundo, como México, Bos Aires, São Paulo, Shanghai, Xacarta, Calcuta, Delhi e Karāchi. Seguen en importancia Rio de Janeiro, O Cairo, Pequín, Tianjin, Bombai, Santiago, Lima, Bogotá, Madras, Chongging, Shenyang, Wuhan, Thanh Pô Hô Chí Minh, Manila, Teherán e Istambul. A evolución do derradeiro cuarto do s XX indica que as cidades dos países industrializados estanse a estancar ou mesmo a diminuír, mentres que as dos países en desenvolvemento, especialmente as asiáticas, experimentan unha expansión moi forte. Paralelamente á expansión da urbanización produciuse a expansión en todo o territorio da cultura urbana, pois os valores predominantes transmítense e esténdense polos medios de comunicación, polas infraestruturas de comunicación entre o campo e a cidade, polos procesos de rururbanización de territorio e pola mesma expansión das cidades.

  3. s f [URBAN]
    1. Terreo delimitado artificialmente onde se fan as operacións necesarias (trazado de rúas, sumidoiros, rede eléctrica) para poder edificar nel un núcleo de poboación.

    2. Poboado ou barrio establecido segundo un plano de conxunto.

Palabras veciñas

urbanismo | urbanista | urbanístico -ca | urbanización | urbanizar | urbano -na | Urbasa