Uri
Cantón do centro da Suíza (1.077 km2; 34.700 h [2000]). A súa capital é Altdorf (8.583 h [1998]). Está situada no sector alpino, e correspóndese coa conca alta do Reuss, que discorre desde o SL do lago Vierwaldstättersee ou dos Catro Cantóns ata o túnel do Sant Gottard. O territorio é moi montañoso, con cumes superiores aos 3.000 m. A poboación é de lingua alemá. A riqueza económica baséase na gandaría. Xuntamente con Schwyz e Unterwalden, forxou (1291) unha Ewiger Bund (Alianza Eterna) contra os señores de Habsburgo, orixe da Confederación Helvética. Durante os ss XVI-XVII foi, con Lucerna, centro da Contrarreforma e durante o s XVIII, pasou a formar parte do novo cantón de Waldstätte. A Acta de Mediación napoleónica devolveulle a independencia cantonal. En 1925 deixou de celebrar a secular Asemblea Comunal (Landgemeinde). Foi a patria do lendario Guillerme Tell.