Urraca I
Raíña de Castela León e Galicia (1109-1126), e tamén de Aragón e Navarra, filla e sucesora de Afonso VI e de Constanza de Borgoña. Cara a 1090 casou con Reimundo de Borgoña, e á súa morte (1107) ela e o seu fillo, futuro Afonso VII, recibiron o goberno de Galicia. Ao morrer o seu irmán Sancho (1108), herdeiro da coroa, abriuse unha crise sucesoria, ao recaer os dereitos sobre ela, que tivo que casar con Afonso I de Aragón. Morto o seu pai (1109) e en calidade de raíña, trasladouse a León onde iniciou un reinado de discordias que a levaron a enfrontarse contra o seu marido, que a repudiou (1114). Inmediatamente xurdiu un enfrontamento entre os borgoñóns, partidarios do reinado de Urraca en Galicia e representados por D. Xelmírez, e os aragoneses, maioritariamente burgueses e entre os que se encontraba Pedro Froilaz, que defendían a proclamación como soberano do fillo desta, Afonso Reimóndez. Como Castela apoiaba o seu marido, en Galicia dominaban os partidarios do seu fillo e Portugal era independente baixo o dominio da súa irmá Tareixa, tivo que pactar con Xelmírez, que chegou a converterse no auténtico soberano de Galicia. Posteriormente mandouno prender e ocupou varias das súas fortalezas, pero ante a presión popular tivo que liberalo e asinar con el un tratado de amizade (1123). Á súa morte sucedeuna no trono o seu fillo Afonso VII.
Cronoloxía
-
Nacemento
-
Deceso
Lugar : Saldaña