Utrecht

Utrecht

Capital da provincia de Utrecht, Países Baixos (233.667 h [2000]). Situada ás beiras do Kromme Rijn, que dentro da cidade se divide en Oude Rijn e Vecht, atravésana dous canais, o Oude Gracht e o Nieuwe Gracht. Ten industria siderúrxica, de material ferroviario, maquinaria, mecánica de precisión, téxtil, cerámica, do cristal e do tabaco. Formada arredor da antiga Traiectum romana, foi dominio merovinxio e frisón (s VII). Reconquistada por Pipino de Heristal, incorporouse aos estados borgoñóns (s XV) e aos Países Baixos (1528). Ocupada polos calvinistas, revolveuse contra os españois (1577) e aliouse coa casa de Orange. Nela asináronse a Unión de Utrecht (1579) e o Tratado de Utrecht (1713). O núcleo católico que subsistiu formou, con motivo das cuestións xansenistas, unha comunidade (1723). Destaca a catedral de San Martiño (s XIII) e a igrexa de San Pedro (1045), con fachada barroca.