Vaamonde Cornide, Xoaquín

Vaamonde Cornide, Xoaquín

(A Coruña 1872 - Sada 18.8.1900) Pintor. Membro da Xeración Doente, iniciou a súa formación na Escola de Belas Artes da Coruña e en 1888 emigrou a Bos Aires, onde perfeccionou as técnicas do óleo e o pastel e colaborou en revistas e xornais. Ao regreso, presentouse ante Emilia Pardo Bazán para retratala (Retrato da condesa de Pardo Bazán, 1894) e converteuno no seu protexido. Trasladouse a Madrid onde concorreu ás Exposicións Nacionais e realizou diversos encargos das clases altas. Viaxou por Europa para coñecer a pintura renacentista e barroca. Os seus retratos, fundamentalmente pasteis, caracterízanse polo emprego dunha gama cromática temperada con contrastes das cores con predominio do negro e pola busca da captación psicolóxica do retrato. Destacan Retrato de Isidoro Brocos (1894), Retrato de don José Quiroga y Pérez de Deza (1895), Retrato ao pastel da condesa de Pardo Bazán (1896), Retrato de don Ramón Pérez Costales (1897) e Retrato de dona Concepción de Liques y Báez (1899).

Palabras veciñas

VA | Vaal | Vaamonde | Vaamonde Cornide, Xoaquín | Vaamonde Lores, César | Vaamonde Lores, Florencio | Vaamonde Polo, Xesús