Valais

Valais

Cantón do S de Suíza, situado no límite con Francia e Italia (5.224 km2; 270.800 h [2000]). A súa capital é Sion. Corresponde aproximadamente coa conca alta do Rhône. Esténdese desde Sant Gottard, ao L, ata o lago Xenebra, ao O. O límite N está formado pola liña de cumios do Oberland de Berna e os Alpes de Friburgo, mentres que o límite S pasa pola liña de picos dos Alpes Peninos. Hai un sector montañoso, con cumios de máis de 4.000 m, formado polos Alpes Berneses ao N e polos Peninos ao S, coas máximas altitudes do país. Dous terzos da poboación son de fala francesa, e un terzo alemá. Destaca a gandaría. A abundancia de enerxía hidroeléctrica orixinou unha forte industrialización, que, xunto co turismo, son os dous sectores máis importantes da economía. Ocupado polas tropas da Revolución (1798), en 1802 converteuse en república libre e independente. Anexado a Francia en 1810, integrouse na Confederación Helvética en 1814. En 1847 formou parte do Sonderbund.