Valaquia
Rexión de Romanía situada ao S dos Cárpatos Meridionais, que a separan de Transilvania. O val do Olt divídea en dúas subrexións; a Oltenia ou Pequena Valaquia, no O, e a Muntenia ou Gran Valaquia, no L. É unha rexión agrícola de cereais, remolacha e tabaco, e tamén industrial, onde se localizan os principais xacementos de petróleo de Romanía. A súa capital é Bucarest. Os valacos instaláronse no s XIII e constituíuse como principado independente no s XIV. Tributaria dos turcos (1394), desde 1526 quedou totalmente sometida ao sultán. O achegamento do príncipe Constantino Brâncoveanu (1688-1714) provocou que os otománs instalasen un réxime fanariota (1714-1821). En 1848 estalou o movemento nacionalista romanés e os patriotas valacos proclamaron a independencia do principado, pero a intervención ruso-turca puxo fin ao levantamento. Logo da Guerra de Crimea, liberouse da soberanía turca e pasou á protección das potencias europeas (Tratado de París, 1856). En 1857 votou a unión con Moldavia e escolleron como monarca a Alexandre I, da liñaxe dos Cuza. Desde 1862 o novo estado denominouse Romanía.