Valdeorras, comarca de

Valdeorras, comarca de

Comarca de tipo rural situada ao NL da provincia de Ourense e ao SL da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coa provincia de León (municipios de Oencia e Sobrado), ao S coa comarca de Viana (concello de Viana do Bolo) e a provincia de Zamora (municipios de Porto e San Justo), ao L, novamente coa provincia de León (municipios de Puente de Domingo Flórez, Benuza e Encinedo), e ao O coas comarcas de Quiroga (concello de Quiroga) e Terra de Trives (concello de Manzaneda). Abrangue unha superficie de 882,4 km2, en que acolle unha poboación de 28.733 h (2001), distribuída entre os concellos do Barco de Valdeorras (85,7 km2, 12.959 h [2001]), O Bolo (91,2 km2, 1.327 h [2001]), Carballeda de Valdeorras (222,7 km2, 2.129 h [2001]), Larouco (23,7 km2, 588 h [2001]), Petín (30,5 km2, 1.131 h [2001]), A Rúa (35,9 km2, 5.041 h [2001]), Rubiá (100,7 km2, 1.734 h [2001]), A Veiga (290,5 km2, 1.367 h [2001]) e Vilamartín de Valdeorras (83,3 km2, 2.457 h [2001]). O espazo comarcal sitúase na parte nororiental da provincia cunha importante vila, O Barco de Valdeorras, e outra de menor entidade, A Rúa. Toda a comarca oscila entre a influencia de Ourense e Ponferrada.
Xeografía física
O contraste xeomorfolóxico, litolóxico e bioxeográfico existente na comarca de Valdeorras maniféstase en dúas áreas claramente diferenciadas; o val do Sil, e as terras altas situadas ao N e ao S deste espazo. A depresión do Sil sitúase no centro-norte da comarca, nos concellos de Petín, Larouco, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras, O Barco de Valdeorras, a parte S de Rubiá e a N de Carballeda de Valdeorras. Trátase dun val de fondo chairo, con numerosos sedimentos terciarios, onde o río discorre de forma lenta. Tras atravesar o límite provincial con León, o río Sil aparece encaixado no concello de Rubiá, para abrirse amplamente nas proximidades do Barco de Valdeorras. A depresión, cunha dirección L-O, penetra despois nas terras lucenses de Montefurado, no concello de Quiroga, onde se volve encaixar en terreos de lousas e xistos. A forma irregular da depresión débese fundamentalmente á tectónica, con numerosas fallas onde os vales son máis amplos. Os materiais que forman esta depresión son arxilas do Neoxeno, como as que se localizan en Rubiá, e areas e coluvións no centro, principalmente no Barco de Valdeorras. Destacan algunhas áreas con socalcos fluviais, en especial na parte central, onde existe unha maior anchura, nos concellos do Barco de Valdeorras e A Rúa. Entre a vila do Barco e Petín predominan as arxilas. En contraposición ao val do Sil, atópanse as áreas montañosas do N e do S desta comarca, onde están as maiores altitudes de toda a comunidade galega (Pena Trevinca, 2.127 m, Pena Negra, 2.119 m, Pena Survia, 2.095, Sextil Alto, 1.759 m), todas elas no concello da Veiga, xa nos límites coas provincias de Zamora e León. As antigas superficies chairas que dominaban este espazo ata o Terciario, foron rexuvenecidas, fracturándose e elevándose por riba dos 1.500 m. Na actualidade existen algúns restos daquelas a dous niveis; aos 900 e aos 1.500 m. Maioritariamente, o que domina na paisaxe son os relevos abruptos, de considerable pendente, con profundos e angostos vales, especialmente nos concellos do Bolo e A Veiga, consecuencia da tectónica e da erosión diferencial, que posteriormente foron ocupados pola rede fluvial (Bibei, Casaio, Xares). As áreas montañosas do N presentan aínda máis pendentes que as do S, xa que, desde os 1.546 m do alto de Montouto, en Vilamartín de Valdeorras, ata os 300 m do fondo da depresión, existe moi pouco percorrido, co que, as pendentes son moi fortes. Os principais ríos adaptáronse ás fallas que, cunha dirección meridiana, están presentes neste conxunto setentrional. Os materiais que forman esta área montañosa do N e do S da comarca son basicamente lousas e xistos, algúns deles de gran dureza, e outros máis deleznables, polo que a rede fluvial se foi adaptando paulatinamente. As formas periglaciais son abondosas e maniféstase en forma de pedregais, derrubas estratificadas, vertentes de xelifluxión ou bloques ou socalcos de criorreptación. O modelado glacial tamén está presente nos altos cumios, especialmente no S, coa existencia de circos glaciarios na cabeceira dos ríos San Xil e Valdeorras (que conflúen formando o río Casaio) e nas vertentes dalgunhas montañas elevadas. En canto ao clima, a situación de Valdeorras no interior de Galicia, nunha área de contrastes entre a alta montaña e un val pechado e illado, dá lugar a un clima oceánico mediterráneo nas zonas baixas e oceánico de montaña nas elevadas. Así, estas manifestacións quedan reflectidas nos rexistros térmicos, que se afastan considerablemente dos que se atopan na costa. As medias acadan os 13-14°C, con invernos un tanto rigorosos (5-6°C), como consecuencia do afastamento do mar, e veráns calorosos (22-23°C). Na montaña estes valores extrémanse, con medias que non adoitan acadar os 10°C (incluso menos nas áreas máis altas), con invernos fríos (0-3°C) e veráns frescos (16-17°C). As xeadas son frecuentes nas áreas de val, e aínda máis nas montañas. As precipitacións son bastante escasas no val do Sil; nalgunhas áreas non se superan os 600 mm, aínda que o normal son os valores entre 600 e 700 mm, cun claro período de seca nos meses de xullo e agosto. Na montaña, estes valores son moito máis elevados (1.200-1.500 mm), polo que se producen precipitacións en forma de neve no inverno. Desde o punto de vista bioxeográfico, destaca a gran diversidade de especies que existen na comarca, malia que a acción antrópica está a degradar, en gran medida, esta riqueza biolóxica. Ao estar nunha área de transición entre as rexións botánicas eurosiberiana e mediterránea, pódense diferenciar varias áreas; na parte SL da comarca e nas zonas máis elevadas existe unha vexetación de matogueira, formada por cimbros (Juniperus nana), piornos, xestas e queiroas, o que dá lugar, nas áreas máis húmidas, ás arandeiras (Vaccinium myrtillus). A medida que se descende en altura atópanse as formacións de bidueiros e teixos. No N (O Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras e Rubiá), aparecen os bosques de carballos cerquiños (Quercus pyrenaica), aínda que nalgunhas bandas calcarias, e por estar nunha área de transición, atópanse diferentes especies arbustivas mediterráneas calcícolas, así como orquídeas, moi raras en Galicia. No val do Sil atópase unha vexetación típica da rexión mediterránea, con numerosos exemplares de aciñeiras e sobreiras, mesturadas tamén con outras da rexión eurosiberiana (castiñeiros).
Xeografía humana
A evolución da poboación de Valdeorras mostra, ao igual que outras comarcas do interior de Galicia, un crecemento desde principios do s XX ata a década de 1950, para posteriormente diminuír como consecuencia do éxodo rural. A principios do s XXI maniféstase un novo crecemento grazas ao desenvolvemento económico, motivado pola auxe da minaría da lousa e o dinamismo da vila do Barco. A principios do s XX, Valdeorras contaba cunha poboación de 35.739 h, que foi medrando ata os 40.612 h de 1940 (36.101 h en 1910; 36.963 h en 1920; 38.306 h en 1930, e 40.612 h en 1940). Este crecemento foi posible grazas ás elevadas taxas de natalidade, en contraposición cunha mortalidade decrecente e uns movementos migratorios cara a América que non lograron facer minguar a poboación. Non todos os concellos mostraron este dinamismo, xa que só os da parte central da comarca (O Barco de Valdeorras, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras) lograron medrar, mentres que os outros se mantiñan estancados, ou mesmo iniciando o seu descenso poboacional a principios do s XX (A Veiga) debido ás difíciles condicións de vida. Desde 1940, o éxodo rural fíxose notar na comarca. A partir de mediados do s XX e ata 1996, o conxunto comarcal perdeu un 28,8% da poboación (40.367 h en 1950; 38.855 h en 1960; 35.602 h en 1970; 31.810 h en 1981, e 28.731 h en 1996). Non todos os concellos tiveron un comportamento similar, pois mentres O Barco de Valdeorras e A Rúa medraban, aínda que con altos e baixos, o resto vía como descendían os seus efectivos. A partir de 1996 produciuse unha tendencia ao crecemento, pero non debido a unha inversión nas taxas de crecemento vexetativo, senón polo dinamismo da vila do Barco, que viu como medraron os seus efectivos considerablemente. En 2001, a poboación manifestaba un elevado grao de avellentamento, xa que os maiores de 65 anos (17,7%) superaban os novos, menores de 20 anos (15,5%). As taxas de natalidade xeral son baixas (6,5‰), aínda que superiores ás que se atopan noutras áreas do interior de Galicia. A mortalidade acada o 12,5‰, co conseguinte crecemento vexetativo de signo negativo (-6‰). Soamente o concello do Barco de Valdeorras posúe unhas taxas de natalidade (8,2‰ en 2002) superiores ás de mortalidade (8,2‰ en 2002) dada a súa estrutura poboacional máis nova e ao seu dinamismo económico. A distribución da poboación no territorio mostra unha clara concentración lineal no val do Sil, que aglutina a máis do 80% da poboación comarcal. As entidades de poboación dispóñense arredor das principais estradas e de forma concentrada, destacando, sobre todas elas, a vila do Barco, seguida da Rúa e outras cabeceiras municipais menores como Petín, Vilamartín de Valdeorras ou Sobradelo. No sector S da comarca, as entidades de poboación son máis pequenas e presentan maior concentración nas abas das montañas ou no fondo do val.
Xeografía económica
Desde o punto de vista da estrutura da poboación por sectores de actividade, Valdeorras é unha comarca onde o sector secundario xera máis do 50% dos empregos, sendo a minaría da lousa un subsector de vital importancia para a estrutura económica. O primario é un sector pouco destacado no que se refire a emprego, pero aínda cobran importancia algunhas actividades coma o cultivo da vide. No val do Sil, a agricultura vitícola é fundamental para a economía de moitas familias que producen para a Denominación de Orixe Valdeorras, cun total de 2.000 viticultores repartidos entre os concellos do Barco de Valdeorras, O Bolo, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa e Rubiá. O total de hectáreas cultivadas é de 1.806, sendo A Rúa e Vilamartín de Valdeorras os de maior superficie cultivada, con uvas de tipo Godello, Dona Branca, Palomino, Mencía, Merenzao, Gran Negro e Alacante; e cunhas vendas que se ampliaron desde a propia comarca ata o resto da rexión, do estado e da UE. O descenso da produción vitícola (máis do 50%) responde, así mesmo, á redución da superficie cultivada, como consecuencia da construción de encoros, do emprego dos activos primarios na industria extractiva da lousa, das directrices impostas pola UE, e do propio avellentamento dos empresarios agrarios no medio rural. O máis destacable é a modernización das explotacións, a mellora da calidade dos caldos e o incremento dos prezos, que repercute directamente nas rendas familiares. O cultivo de árbores froiteiras, que aproveitan a fertilidade edáfica e as óptimas condicións de maduración no verán, tamén son importantes. A gandaría é pouco importante, e destaca tan só o bovino con orientación cárnica na Veiga e no Bolo, e o porcino no resto dos concellos. O sector secundario (53,9% dos activos), baséase principalmente na explotación das canteiras de lousa. Nalgúns concellos, o emprego na minaría acada porcentaxes moi elevadas; Carballeda de Valdeorras (75,2%), O Barco de Valdeorras (33,7%) e Rubiá (28%). A explotación louseira comeza xa na década de 1960, coincidindo coa crise noutros países europeos coma Alemaña ou Francia, feito que aproveitou Galicia para lograr poñer no mercado este produto. Valdeorras é a principal comarca produtora de lousa de Galicia e de España, e destina o groso da produción á exportación. A maior parte das empresas galegas do sector aséntanse en Valdeorras, con numerosos investimentos tamén por parte de capital estranxeiro. Algunhas das empresas dedícanse non só á extracción, senón tamén á súa comercialización. O sector louseiro, que xera na comarca unha facturación anual de máis de 175 millóns de euros (1998), tamén ten os seus impactos negativos na paisaxe, co arrasamento dos montes e as escasas medidas que se están a levar a cabo para rexeneralos, a contaminación fluvial como consecuencia dos materiais que se arrastran aos ríos e a propia erosión pola falta de vexetación. Esta actividade louseira xerou o escaso tecido industrial da comarca, moi especializado na transformación da pedra extraída das canteiras e noutros sectores relacionados directa e indirectamente, como a maquinaria industrial, os produtos químicos, os combustibles e os serradoiros. O Barco de Valdeorras é o concello que maior número de empresas industriais concentra, seguido da Rúa. A presenza de numerosos encoros na comarca (Prada, Santiago, Casoio e Pumares), favoreceu o crecemento do sector da produción hidroeléctrica, especialmente nalgún concello como Petín, que conta cun 9% da poboación empregada neste subsector. A construción xera o 11% do emprego na comarca, grazas ao desenvolvemento urbano e á construción de infraestruturas no Barco de Valdeorras e na Rúa. A maior parte das empresas e promocións inmobiliarias están localizadas na capital comarcal. O sector terciario ocupa o 33,7% dos activos, concentrados fundamentalmente nas vilas do Barco e A Rúa, xa que o resto de concellos posúen os servizos básicos. O Barco de Valdeorras conta cunha dotación terciaria moi completa, tanto polo seu dinamismo económico como polo seu afastamento da capital provincial. Conta ademais cunha completa dotación comercial, composta por empresas de comercio polo miúdo e polo xunto, e tamén superficies comerciais, franquías, sucursais, e entidades financeiras, xa que é un importante centro de captación de divisas provenientes da extracción mineira. A Rúa, debido ao seu menor tamaño demográfico e ao seu menor dinamismo económico, só posúe servizos educativos e sanitarios especializados. No sector terciario tamén destacan os transportes, que xeran un bo número de empregos, especialmente derivados da exportación da lousa por estrada. En canto ás comunicacións, Valdeorras está atravesada pola N-120, un importante eixo de penetración en Galicia, así como o ferrocarril de Monforte a Ponferrada. A influencia da capital do Bierzo na comarca tamén se fai notar debido ao afastamento da comarca respecto á capital provincial.
Historia
O poboamento máis antigo da comarca remóntase á Idade de Bronce como o testemuñan os gravados rupestres de Valdegodos (Vilamartín de Valdeorras). En época castrexa o territorio estivo habitando por diversos pobos como os cigurros, que tiñan como centro Calubriga. Outros asentamentos prerromanos foron os castros de Xirimil, Escrita e O Xardoal (O Barco de Valdeorras), Xares (A Veiga) ou a acrópole de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras). Ademais dos dolmens de Lombo das Arcas (Carballeda de Valdeorras), as mámoas de Roblido ou os gravados rupestres na Rúa Vella (A Rúa), cómpre destacar tamén as inscricións prerromanas atopadas na Ponte (A Veiga). En época romana a vía XVIII do Itinerario Antonino, que ía de Braga a Astorga, atravesaba Valdeorras de SO a NL. Tamén de época romana foron os restos de enterramentos e un sistema de sumidoiros aparecidos na Pobra (O Barco de Valdeorras). A explotación aurífera do río Sil mantivo a presenza romana ata o s V, cando tivo lugar a penetración dos suevos, que se instalaron no actual concello de Carballeda de Valdeorras. No s VI, coa conquista visigoda, comezou a cuñaxe de moeda co nome dos reis Viterico, Suintila e Sisebuto. Durante a Idade Media foi unha demarcación continuamente disputada entre os reinos de Asturias, León e Galicia, ata que os Reis Católicos concederon o señorío de Valdeorras aos condes de Ribadavia, en agradecemento pola súa participación na Guerra de Granada. Tamén estivo baixo o poder do mosteiro de San Pedro de Montes (Petín) e os condes de Castro e logo pasou aos condes de Lemos e aos marqueses de Vilafranca, ata que comezou a súa decadencia no s XVIII. No s XIX, durante a Guerra da Independencia, destacaron na loita contra os franceses os veciños de Carballeda de Valdeorras dirixidos polo abade de Casaio e a batalla que tivo lugar na ponte Bibei, que máis adiante tamén sería escenario das Guerras Carlistas. Coa proclamación da Constitución de 1812 aboliuse o réxime señorial e substituíuse por unha organización municipal do territorio. Daquela creáronse os concellos do Barco, O Bolo, Sobradelo, Freixido, Larouco, Santo Estevo, A Veiga, Castromarigo, Espiño e Tamallancos. Fernando VII aboliu a Constitución de 1812 en 1823 e volveuse ao Antigo Réxime ata que en 1835 se recuperou a organización municipal e se constituíron os concellos que forman a comarca.
Patrimonio cultural
Dentro do patrimonio da comarca destacan as igrexas parroquiais de San Miguel de Xagoaza (O Barco de Valdeorras); Santa María das Ermidas (O Bolo); Santa María de Casaio e San Xián de Casoio (Carballeda de Valdeorras); Santa Mariña de Seadur (Larouco); Santa María de Mones e San Miguel de Mones (Petín); Santo Estevo da Rúa de Valdeorras (s XVII) e San Xoán de Roblido (A Rúa); Santa Mariña de Rubiá, San Miguel de Biobra e San Miguel de Oulego (Rubiá); San Fiz de Baños, San Miguel de Carracedo, Santa María de Castromao e Santo André de Requeixo (A Veiga). Dentro das construcións civís destacan a casa Carballo, o pazo e o a torre do Castro e a ponte romana de Éntoma (O Barco de Valdeorras); a fortaleza do Bolo e o pazo de Prada (O Bolo); o pazo dos Mancebos e a ponte da Cigarrosa (Petín), a casa grande de Fontei (A Rúa); a ponte do Regueiral (Rubiá); a casa grande da Portela, o castelo de Torre Penelas, o pazo de San Lourenzo de Arcos, o pazo de San Miguel do Outeiro e o de San Xulián da Portela (Vilamartín de Valdeorras). No que respecta aos espazos naturais, destacan especialmente Pena Trevinca (Carballeda de Valdeorras, A Veiga, Viana do Bolo e O Bolo), declarada LIC en 2001, dentro da proposta Rede Natura 2000 e a Serra da Enciña da Lastra (Rubiá), declarada ZEPA (2001) e LIC (2001), dentro da proposta Rede Natura 2000. Celebra, entre outras, as festas do Entroido e a Semana Santa (O Bolo); as romarías do Padre Eterno, da Trindade de San Xil e a festa da Encarnación (Carballeda de Valdeorras); as de Santa Mariña, as de Santa Bárbara, a Nosa Señora dos Remedios e a Santa Lucía (Larouco); a Feira dos Burros, as de Santiago, Santa Ana e a de Santo Antonio Verdadeiro (Petín); a de Santo Antonio e a de San Roque (A Rúa); as da Ascensión, San Bertomeu, o Carme, o Corpus Christi e a romaría de Poulo (Rubiá); a romaría do Bendito Cristo da Ascensión, as de Santo André e as de Santa María (A Veiga).