Valladares Núñez, Marcial
Escritor. Licenciado en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (1844), foi xefe superior de Administración Civil, ata que en 1866 decidiu retirarse da función pública. Colaborador en diversas publicacións periódicas, como El Eco de Galicia, Galicia, Galicia Humorística, A Monteira e O Tío Marcos d’a Portela, contribuíu á elaboración do Dicionario geográfico-histórico-estadístico de España y sus posesiones de Ultramar (1845-1850), de Pascual Madoz, en especial no referente a datos da provincia de Pontevedra; e na composición da Colección de enigmas y adivinanzas (1883), de Machado Álvarez. No ámbito da etnografía recolleu datos sobre folclore galego que reproduciu nos volumes Cantigueiro popular (1867, inédito ata 1970) e Novo apéndice ao Cantigueiro popular (1887). Destacou o seu labor como gramático con Elementos de gramática gallega (datado en 1892, pero inédito ata 1970) e, sobre todo, como lexicográfico coa publicación do Dicionario gallego-castellano (1884). Este dicionario foi o máis importante do s XIX tanto polo número de voces que recolle (16.082, incluídos os apéndices) como pola súa calidade. Depurou as voces que tomou dos anteriores dicionarios e incluíu exemplos de obras literarias dos autores do momento (Rosalía, V. Turnes, Alberte Camino, etc), así como de cantigas populares e refráns. Ademais marca sistematicamente e con gran coherencia o timbre das vogais (tónicas e átonas). Consérvanse ademais cinco apéndices e diversas follas soltas en que incorpora voces do galego oriental. Escribiu, en castelán, as novelas curtas Asela e Los tres expósitos, e en galego, Maxina ou a filla espúrea (1880), a primeira novela da literatura galega, que foi publicada por entregas en La Ilustración Gallega y Asturiana, ademais de diversas poesías de carácter costumista, lírico e epigramático repartidas en diversas publicacións. A máis divulgada, “A castañeira de Santiago” foi editada por Antonio de la Iglesia en El Idioma Gallego, mentres que no Álbum de la Caridad apareceron “A miña aldea” e “A Fonte do Pico Sagro”. Foi socio de mérito da Sociedad del Folclore Gallego e membro da Real Academia Española.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Berres, A Estrada -
Deceso