Valle-Inclán Peña, Ramón María del

Valle-Inclán Peña, Ramón María del

Escritor. Tras a morte do seu pai (1890), decidiu marchar a Madrid, onde entrou en contacto cos círculos literarios. Posteriormente viaxou a México (1892) e Cuba, colaborou en diversas publicacións periódicas e escribiu unha serie de narracións amorosas que publicou ao seu regreso a España (1893) co título de Femeninas (1895). Na súa obra, o propio autor recreouse a si mesmo como personaxe literaria, ofrecendo unha imaxe bohemia, extravagante e pintoresca. Tradicionalmente está adscrito á Xeración do 98, pero esta adscrición faise unicamente segundo criterios cronolóxicos, pois non responde a criterios estéticos nin ideolóxicos. A súa poesía pertence ao modernismo, aínda que o último libro conecta xa co esperpento. As tres recompilacións Aromas de leyenda (1907), El pasajero (1920) e La pipa de Kif (1919) foron reunidas no volume Claves líricas (1930). Por outra banda, a obra narrativa oriéntase tamén desde a estética modernista cara á técnica esperpéntica. Dentro da primeira figuran os contos e as narracións breves reunidas baixo os títulos de Corte de amor (1903) e Jardín umbrío (1903), mentres que a mellor prosa modernista está representada polas catro sonatas: Sonata de primavera (1904), Sonata de estío (1903), Sonata de otoño (1902) e Sonata de invierno (1905), onde a presenza de Galicia, a súa paisaxe, cultura popular e a vida de aldea son omnipresentes, aínda que cun certo aire decadente. Esta primeira época pechouse con Flor de santidad (1904) e cunha triloxía (1908-1909) sobre a guerra carlista. No plano profesional, despois de ser nomeado (1916) profesor de estética de belas artes na Escuela Especial de Pintura de Madrid, na época da República pasou a ocupar o posto de conservador do Patrimonio Artístico Nacional e, en 1933, o de director da Academia Española de Bellas Artes de Roma. O segundo estilo de Valle-Inclán manifesta xa a adaptación á narrativa da técnica teatral do esperpento. A partir dese momento a realidade queda desfigurada ata a caricatura, nunha versión irónica, satírica e ao tempo traxicómica da existencia. Cómpre destacar, ademais de Tirano Banderas (1926), a triloxía inacabada El ruedo ibérico. Canto ao teatro, tamén sufriu unha evolución desde as Comedias bárbaras, con Divinas palabras (1920), ata o outro grupo de comedias, con trazos modernistas, como Cuento de abril (1910), Voces de gesta (1911) e La marquesa Rosalinda (1912). Mais, a gran creación de Valle-Inclán é a que corresponde ao terceiro e último grupo de obras, isto é, o esperpento, con títulos tan importantes como Luces de Bohemia (1920), onde aparece a súa teoría sobre a deformación da realidade a través das imaxes nun espello; Farsa y licenza de la reina castiza (1920), El retablo de la lujuria, la avaricia y la muerte (1927) e, especialmente, Los cuernos de don Friolera (1921), que posteriormente se incluíu xunto con Las galas del difunto e La hija del capitán na triloxía Martes de carnaval (1930).

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Vilanova de Arousa

  • Deceso

    Lugar : Santiago de Compostela