vangardismo
(
Nome xenérico co que se coñece un conxunto de correntes estéticas que evidencian a crise das artes no mundo occidental a comezos do s XX. Os primeiros sinais da crise localízanse nos artistas do impresionismo e do simbolismo. Os aspectos máis notables desta crise foron: o rexeitamento dos esquemas culturais elaborados pola burguesía na Belle Époque; o intento de destrución da arte no sentido tradicional; a procura de novas formas expresivas; a asimilación de culturas afastadas; o inconformismo social; a incorporación das novas formas da sociedade industrial á creación artística e o uso de métodos de traballo freudianos. Os movementos de vangarda, iniciados cara ao ano 1905, acadaron a máxima violencia entre os anos 1916 e 1925, e entraron en crise cara á década de 1930, polo menos como fenómenos dominantes. Xa na década de 1960 se produciu un novo movemento de destrución e de experimentación artística relacionable co modern style e con certas formas da cultura pop (carteis, cómics), que reactualizaron a vangarda. O concepto xeral de vangarda tomou expresión no famoso Manifesto amarelo (1928), asinado por Salvador Dalí, e que proclamaba a urxencia de superar os modelos antigos do paisaxismo ruralista e tradicional. Propuña como modelos os movementos producidos polo futurismo italiano ou polo dadaísmo francés, e tamén pola nova poesía da Xeración do 27. A música da escola de Viena foi introducida en España por R. Gerhard, o primeiro compositor español que empregou o método dodecafónico. Polo que se refire ao cine, mentres Dalí colaboraba con Buñuel en París no seo do vangardismo francés de tendencia superrealista, produciuse o movemento dos experimentadores amateurs.