Varela Vázquez, Xesús Lorenzo

Varela Vázquez, Xesús Lorenzo

Poeta. Coñecido como Lorenzo Varela, os seus primeiros anos transcorreron entre Cuba e Arxentina. Regresou á Península e na súa xuventude participou, xunto con Ramón Piñeiro, na fundación da Federación de Mocedades Galeguistas, en Lugo. En 1935 trasladouse a Madrid para estudar filosofía e letras, foi membro das Misións Pedagóxicas e colaborou no diario El Sol e, con outros intelectuais galegos, no grupo de Poetas Andantes e Navegantes (PAN). Afiliado ao Partido Comunista, durante a Guerra Civil Española comandou unha brigada, ademais de participar na redacción das revistas Hora de España e El Mono Azul, ata que se exiliou forzosamente en Francia e, posteriormente, en México (1940). Alí fundou e codirixiu a revista Romance e colaborou en Taller, dirixida por Octavio Paz. En 1941 estableceuse en Bos Aires e fundou, con A. Cuadrado e L. Seoane, Correo Literario; ademais colaborou con outros medios, como De Mar a Mar, La Nación e Sur. Ao longo destes anos emprendeu diversos proxectos artísticos con creadores como Dalí, Luis Falcina, N. Gerstein ou Picasso. Director da revista El Hogar, realizou crítica de arte para La Razón e colaborou en O Mundo. No eido radiofónico fundou e dirixiu o programa Hora Once. Regresou a Galicia en maio de 1976 e, un ano despois, estableceuse en Madrid. Incluído na Xeración do 36, na súa obra poética reflíctese, por un lado o seu compromiso político coa España republicana e coa súa ideoloxía de esquerdas, e polo outro, o seu interese por todas as formas da arte. Ademais, transmite con intensidade a dor que lle produce a contenda bélica e a denuncia política de todo aquilo que considera inxusto e inconcibible para o ser humano, como a tiranía e a opresión. No que respecta a Galicia, xunto ao seu amor á terra, transloce a denuncia do poeta ás causas que motivan a emigración das súas xentes, a penuria económica e o caciquismo. Por outra banda, na obra poética de Lorenzo Varela cómpre salientar as composicións amorosas, onde describe de forma maxistral a relación íntima do ser humano, en consonancia coa arte dos poetas españois da Xeración do 27, como R. Alberti, M. Hernández e Federico G. Lorca. No apartado estético destacan algúns trazos neotrobadorescos, especialmente o emprego dun léxico medievalizante. Outra das características da súa obra foi a escasa difusión dos seus libros. Ademais das súas colaboracións en diversas publicacións periódicas, tirou do prelo os poemarios Torres de Amor (1942), onde inclúe composicións en castelán; El Renacimiento (1945), Lonxe (1954) e Homaxes (1979); no apartado artístico editou Elegías españolas (1940), Catro poemas pra catro grabados, incluído no álbum de Luís Seoane María Pita e tres retratos medioevales (1944), Ante unos grabados en madera de Luis Seoane, incluído no cartafol La Dama y otros grabados (1959), Homenaje a Picasso, inserido no cartafol de gravados de Romberg; e o ensaio Dalí (1971). Gran parte da súa obra espallada en revistas e xornais recompilouse en Poesía galega (1990). Dedicóuselle o Día das Letras Galegas 2005.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : La Habana

  • Deceso

    Lugar : Madrid