Varsovia

Varsovia
Nome científico: [polaco: Warszawa]

Capital de Polonia e do voivodato de Mazowieckie (1.610.471 h [2000]). É un nó de comunicacións entre Europa Central e Oriental. Xurdiu na beira esquerda do Vístula, onde se atopa a cidade vella, e a partir do s XVIII expandiuse á outra banda do río. As ramas industriais máis importantes son a da construción mecánica e a da industria metalúrxica. É o principal centro científico, cultural e artístico do país e nela sitúase a Academia de Ciencias de Polonia. É sé arcebispal e primacial de toda a igrexa polaca. Foi capital do ducado de Masovia (1344) e do Reino de Polonia (1596), e en 1655-1656 foi escenario das loitas entre suecos e polacos. No s XVIII tivo un forte crecemento urbano e demográfico e unha intensa actividade artística, literaria e científica. Despois da segunda repartición de Polonia (1793) foi ocupada polos rusos e na terceira (1795) atribuíuse a Prusia. Foi capital do gran ducado de Varsovia (1807-1814) e, desde 1815, da Polonia rusa. Foi escenario das insurreccións nacionais de 1830-1831 e 1863. Estivo ocupada polos alemáns (1915-1918) e polos nazis durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945). Neste período extermináronse 40.000 xudeus e, despois do levantamento de 1944, máis de 350.000 habitantes foron levados a campos de concentración. A cidade vella foi declarada Patrimonio da Humanidade (1980) e destacan a Katedra Swietego Jana (s XII, pero refeita en estilo neogótico no s XIX), a Kosciol Saetszej Marcina (s XIV) e os palacios barrocos dos Sapicha, Krasinski e Ostrogski.