vasco -ca

vasco -ca

(

  1. adx

    Relativo ou pertencente a Euskadi, aos seus habitantes ou á súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Euskadi.

  3. s m [LING]

    éuscaro.

  4. literatura vasca [LIT]

    Literatura oral e escrita en éuscaro. Malia a riqueza da literatura popular oral, a parte escrita foi escasa, de aparición tardía e fragmentada en diversos dialectos. Os textos máis antigos son fragmentos dos cantos relativos ás loitas dos ss XIV e XV. O primeiro libro impreso foi a escolma de versos Linguae Vasconum Primitiae (1554), de B. Etxepare. Durante o reinado de Xoana de Albret, promotora da reforma dos hugonotes en Nafarroa, Xoán de Leizgarra traduciu ao vasco o Novo Testamento e o catecismo calvinista. O máis clásico dos prosistas vascos foi o labortano Pedro de Axular, autor de Guero (Despois, 1643); tamén destaca o labor do seu contemporáneo, o erudito suletino Arnauld de Oihenart. Nos territorios peninsulares o cultivo literario do éuscaro comezou en Gipuzkoa no s XVIII coa figura do xesuíta M. Larramendi. A finais do s XVIII e inicios do XIX xurdiron os primeiros escritores biscaíños, como Moguel Urquiza, autor de Peru Abarca (1800), que formula unha toma de conciencia da unidade do pobo vasco. A poesía popular fomentárona, desde mediados do s XIX, os concursos de Sara (Lapurdi), organizados por Antoine d’Abbadie d’Arrast e polos Xogos Florais Éuscaros, creados por José Manterola. Da excelente xeración de poetas do s XIX, o máis popular foi o guipuscoano J. M. Iparraguirre, autor do himno nacional vasco, Gernikako Arbola (1851). Outro guipuscoano, I. Bizcarrondo Bilinch, escribiu emotivos poemas de amor e foi un mestre da sátira humorística. O biscaíño Felipe Arrese foi o autor da escolma Ama euskerien liburu kantaria (Libro que canta a nosa nai a lingua éuscara, 1900). Cómpre mencionar tamén a J. N. Elissamburu e a P. Topet Etxalum, o máis inspirado dos koblakariak suletinos, ademais de Agustín Chaho de Basaburua, a quen se lle debe a figura lendaria de Aitor, patriarca dos vascos, e Eugène Garay de Monglave. Dos poetas do s XX destacan N. Ormaetxea, autor do poema Euskaldunak (1950); S. Michelena, Esteban de Urquiaga Lauaxeta, o máis vangardista, e, especialmente, Xabier de Lizardi. A novela foi o xénero máis tardío e a primeira mostra foi Atheka gaitzeko oihartzunak (1867), de Dasconguerre. O poeta Elissamburu cultivou a prosa narrativa con Piarres Adame (1889). O novelista máis coñecido foi o biscaíño Domingo de Aguirre, autor de Kresala (Auga de mar, 1906). A actividade teatral, iniciada a partir de 1878 coas obras cómicas de M. Saroa, conseguiu calidade literaria con T. Alzaga. Son notables as súas zarzuelas como Txanton Piperri, con música de Zapirain; Mendimendiyan, con música de Usandizaga; e Mirentxu e Amaya, con música de Guridi. A renovación da prosa erudita produciuse a partir de 1850, en parte grazas á actividade do príncipe L. Lucien Bonaparte, pero, sobre todo, a partir da derradeira guerra carlista. A Revista Euskera (1878-1883), en Iruña, e a revista Euskal-Erria (1880-1918), en Donostia, foron os centros dinamizadores. Con todo, foi a xeración seguinte quen tivo que superar a tendencia romántica pseudohistórica e establecer a cultura vasca sobre bases novecentistas. Pertencen a ela Julio de Urquijo e o sacerdote biscaíño R. M. Azkue, un dos fundadores e director da Euskaltzaindia. En España, as dificultades postas ao uso e cultivo do éuscaro tras a Guerra Civil restaron vitalidade á lingua e literatura vascas. Con todo, o número de escritores aumentou e a lingua foise consolidando. Como poetas destacan Kerexeta, F. Loidi, Muxika e Basurko; como novelistas, Yon Echaide e J. A. Loidi. Un feito importante foi a tradución da Biblia ao éuscaro e a introdución da lingua viva na liturxia católica. A prosa de Tillardegi, autor de Peru leariza´ko (1960), o labor poético de J. Mirande, G. Aresti, que publicou Harri eta herri (Pedra, pobo, 1964), e a obra Egunero hasten delako (Porque comeza todos os días, 1969) de R. Saizarbitoria, onde se pon de manifesto unha nova estrutura narrativa, contribuíron á renovación do éuscaro. A década de 1970 foi máis complexa. Xunto ás dúas derradeiras obras de Aresti, están as de B. Gandiaga, auténtica conciliación de literatura popular, expresionismo e protesta social. Composicións de carácter simbolista aparecen na obra de J. M. Lekuona, xunto con outros autores como X. Lete, L. Izalirre, M. Lasa e T. A. Hartza. No eido da narrativa destacan B. Atxaga e J. A. Arrieta. No teatro a renovación protagonizouna G. Aresti, xunto con A. M. Labayen ou P. Lartzabal. A década de 1980, caracterizada por un incremento notable da produción editorial e por unha progresiva universalización da expresión dalgúns autores, acentuou a convivencia de diversas tendencias literarias. Os motivos clásicos no eido da lírica (a terra, o traballo, o home, a preocupación existencial) mantiveron a súa vixencia, como se pon de manifesto en Hitzak (1986) de K. Santisteban ou Arrotzarena (1983), de J. A. Arrieta. Na poética destaca Etiopia (1978), de B. Atxaga; Izuen gordelekuetan barrena (1981), de J. Sarrionaindia; Emyly (1987), de P. Perurena ou Denbora nostalgia (1985), de F. Juaristi. Esta pluralidade maniféstase na disparidade das obras narrativas. A. Zubikarai deu continuidade ao costumismo, mentres que A. Lertxundi se arredou cun tratamento formal moderno. En Gilen garateako Batxillera (1984), M. Onaindia actualizou o tema histórico; J. A. Arrieta abriu a novela á intertextualidade con Manu miliatri (1987); e J. M. Irigoien aproximouse ao realismo máxico con Poliedroaren hostoak (1982). O xénero dramático ten menor presenza e está menos renovado. O éxito da novela Obabakoak (1989), de Bernardo Atxaga, serviu para enfatizar un momento de creación importante nas letras vascas, ao que contribúen autores máis novos, como J. Iturralde, A. Eguskiza, K. Izaguirre, P. Aristi e I. Múxika, ademais dos críticos literarios J. Kortazar, J. M. Lasagabaster e J. Juaristi.

  5. música vasca [MÚS]

    Arte musical desenvolvida en Euskadi. A música folclórica vasca ofrece características propias, aínda que recibiu influencias das súas veciñas. Considerouse a hipótese da influencia céltica sobre a música popular vasca que é, sobre todo, melódica e bimodal desde o s XVIII. No que respecta ao ritmo, a maioría das cancións están construídas sobre compás de 2/4, 3/4 e 6/8. O zortzico con ritmo 5/8 non é peculiar nin exclusivo do pobo vasco. Os instrumentos máis populares de Euskadi son o txistu, o alboka (da familia do clarinete) e a dulzaina. A música vasca ten un testemuño moi antigo no códice de Roda, do s X e de orixe navarra, que contén o epitalamio con notación musical máis antigo coñecido en Europa. Da escola de Nafarroa xurdiu no inicio do s XIV a nota mínima ou corchea. No s XVIII compuxeron música con clavecín algúns compositores notables, que difundiu J. A. Donostia en Música de tecla no País Vasco (1953). Destacou o tenor Julián Gayarre e o violinista e compositor Pablo de Saraste. Juan Crisóstomo de Arriaga é o autor, entre outras, da ópera Os escravos felices. A finais do s XIX fundáronse diversos orfeóns e sociedades corais, dos que destaca a Sociedad Coral de Bilbao e os orfeóns pamplonés e donostiarra. No capítulo das grandes orquestras, en 1879 creouse a Orquestra Santa Cecilia de Pamplona, á que seguiron a Orquesta Sinfónica de Bilbao (1922) e a Orquesta Filarmónica de Euskadi (1982). A principios do s XX os músicos vascos comezaron a ser receptivos a influencias europeas non exclusivamente italianizantes. Da escola francesa cómpre mencionar a J. A. de Donostia e, da alemá, a A. Isasi e Pablo Sorozabal. Malia a súa formación no estranxeiro, todos estes compositores son representantes dun certo nacionalismo musical. Tras a Guerra Civil xurdiron cultivadores das novas técnicas e estilos musicais, como Luis de Pablo e Carmelo Bernaola.