Vasco Fernandez Praga de Sandin
Trobador galego. Activo no primeiro cuarto do s XIII, pertenceu á nobreza menor, como vasalo de Gil Vasquez de Soverosa, e casou con Teresa Martins, da familia dos Mogudos. As súas composicións aparecen xunto coas de Fernan Rodriguez de Calheiros, polo que se pensa que puideron ter algunha relación de amizade ou parentesco. Autor de 29 cantigas, das que 25 corresponden ao xénero de amor; destas, 13 localízanse no inicio do Cancioneiro da Ajuda, polo que poden corresponder a algunhas das primeiras manifestacións deste xénero. Ademais do emprego de temas convencionais, salienta o uso constante da hipérbole e o seu estilo elegante, aínda que algo monótono. En canto ás cantigas de amigo, moi semellantes na temática ás de amor, a doncela láiase da separación do amado. Nunha delas, “Meu amigo, pois vós tan gram pesar” reprodúcese certo enfado da dama co amado, un motivo pouco usual, que tamén empregou Fernan Rodriguez de Calheiros, polo que invita a pensar na relación existente entre os dous autores.