Vasco Pardavilas, Ramón Ecequiel
Escultor. Coñecido como Mon Vasco, formouse na Escola de Artes e Oficios da Coruña ata 1972. Nas súas primeiras obras traballou a madeira e realizou cabezudos de gran tamaño. Posteriormente realizou baixorrelevos caracterizados pola presenza da luz. En 1973 recibiu unha bolsa da Fundación Juan March coa que se trasladou a Senegal. Cultivou entón unha figuración formalista e unha abstracción volumétrica e traballou con diversos tamaños. De regreso a Galicia participou no colectivo A Carón e viviu durante un tempo en Ibiza. Instalado na Coruña continuou a traballar a madeira e realizou esculturas formadas por diversos bloques ensamblados. En 1977 foi un dos fundadores do grupo Galga. Comezou entón a traballar coa pedra tradicional, o ferro e o formigón. As súas obras caracterizáronse entón polo tenso diálogo entre o baleiro e a masa, o plano e a curva. Foi un dos integrantes do colectivo Atlántica. Da súa obra destacan Caprino (1973-1974), Adán (1976-1977), Eva (1976-1977), Paxaro (1978), Diálogo monolóxico (1978-1979) e Monumento ao neno (1979).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso