Vasco Peres Pardal
Trobador probablemente de orixe portuguesa. Activo na segunda metade do s XIII, puido pertencer a unha familia de Coimbra relacionada con Pero Martinz, presbítero e mestre-escola da Sé da cidade portuguesa. Pola súa participación no ciclo de Maria Balteira, a súa tenzón con Pedr’Amigo de Sevilha e a súa colocación nos cancioneiros xunto a Johan Garcia de Guilhade e Fernan Velho, presúmese que participou na vida da corte de Afonso X. Da súa obra consérvanse un total de 13 textos, tres cantigas de amor, cinco de amigo, catro de escarnio e unha tenzón. Do cancioneiro burlesco destacan “Vedes agora que mala ventura”, en que fala da homosexualidade de Fernan Díaz, un personaxe moi coñecido da corte, e “Don Anssur, per qual serviço fazedes”, onde critica a desmesurada ambición do protagonista.