Vasco Rodriguez de Calvelo
Trobador portugués. Activo no terceiro cuarto do s XIII, nas Inquirições de 1258 hai unha referencia a dúas rapazas criadas en Santa Maria de Duas Igrejas, preto de Calvelo, que poden ser fillas do autor. Nas súas composicións aparece como musa do autor Maior ou Mor Gil, que pode estar relacionada coa liñaxe dos Bravães. É autor de 13 composicións, 11 de amor e dúas de amigo. En canto ás primeiras, aparecen ordenadas de xeito diferente nos cancioneiros -dúas delas presentan dúbidas sobre a súa autoría-, e conteñen abundantes trazos de ironía e parodia, aínda que tamén tratan a coita do amado. Unha delas “Se eu ousass’a Mayor Gil dizer” rompe o código e menciona o nome da senhor. En canto ás composicións de amigo, toca o tema do obstáculo que representa a nai da doncela nos seus encontros co amado.