Vaticano, Cidade do

Vaticano, Cidade do
Nome científico: [nome oficial: Stato della Città del Vaticano]

Estado soberano situado na cidade de Roma, no extremo occidental da área urbana, rodeado por unha muralla, onde se ergue a basílica de San Pedro do Vaticano e a residencia do papa e da curia romana (0,44 km2; 890 h [estim 2001]). Ademais do territorio da Cidade do Vaticano, comprende as basílicas de San Giovanni in Laterano, Santa Maria Maggiore e San Paolo Fuori le Mura, en Roma, e o palacio de Castel Gandolfo, no Castelli Romani (Lacio), ademais de palacios e vilas romanas sede dos dicasterios pontificios. O pequeno territorio, que ten unha forma aproximada de trapecio, é ondulado, e case un terzo da superficie está edificada, especialmente a parte oriental.
Goberno e administración
A cidadanía é obtida en función da tarefa que nel se exerce e o estado réxese polos Pactos de Letrán (1929). Nesta data promulgouse a primeira Legge Fondamentale que rexeu o estado ata a promulgación polo Papa Xoán Paulo II da Nuova Legge Fondamentale o 26 de novembro de 2000 que entrou en vigor o 22 de febreiro de 2001. O sumo pontífice é o soberano do Estado da Cidade do Vaticano e ten os poderes lexislativo, executivo e xudicial, que durante o período de sede vacante pertencen ao Collegio dei Cardinali. O papa ten tamén a representación do estado que a exerce por medio da Segreteria di Stato. O poder lexislativo exérceo unha Commissione composta por un cardeal presidente e outros cardeais nomeados polo papa para un período de 5 anos. O poder executivo exérceo o presidente da Commissione e é axudado polo secretario xeral e o vicesecretario xeral. O papa nomea para un período de 5 anos ao Consigliere Generale e os Consiglieri dello Stato que colaboran na elaboración das leis e noutros asuntos de importancia. O poder xudicial exérceno, en nome do papa, os órganos de xustiza. As institucións do Vaticano coñécense co nome de Curia Romana, que está composta, ademais de pola Segreteria di Stato, polas congregacións, os consellos pontificios, os tribunais, os oficios, a Garda Suíza (en 1970 disolvéronse os corpos armados), as institucións colexiadas, as academias pontificias e o Ufficio del Lavoro. Completan os organismos da Santa Sé as administracións palatinas (Fabbrica di San Pietro, a Biblioteca Apostólica Vaticana, o Arquivio Vaticano e a Libreria Editrice Vaticana) e as representacións diplomáticas. Os eclesiásticos enviados polo Vaticano nas súas relacións diplomáticas son os nuncios apostólicos ou, nalgúns casos de menor oficialidade, os delegados apostólicos. Ten tamén delegados ou observadores na ONU e noutros organismos internacionais. O estado emite moeda e selos, paritarios cos do estado italiano. No interior da cidade funciona un banco, o Istituto per le Opere di Religione. A Tipografia Poliglotta Vaticana fai as funcións de editor oficial. Entre as publicacións vaticanas destacan as Acta Apostolicae Sedis e o diario L’Osservatore Romano. Ten unha axencia de noticias e a Radio Vaticana, que emite en numerosas linguas. Pertencen ao Vaticano diversas universidades eclesiástica como a Pontificia Università Gregoriana, a Pontificia Università Lateranense e a Pontifica Università Urbaniana.
Historia
O lugar onde se asenta a Cidade do Vaticano correspóndese co antigo Ager Vaticanus, un dos sete outeiros de Roma. Segundo a tradición, o apóstolo Pedro sufriu alí martirio e foi enterrado. Constantino fixo construír (324) a primitiva basílica de San Pedro, arredor da que creceu o antigo barrio (Borgo) extramuros. Malia que durante a Idade Media os papas residían en Letrán, sábese que en tempos do Papa Símaco (498-514) había alí unha primeira estancia papal. Logo do incendio de 847, León IV amurallou o recinto do Borgo, que pasou a denominarse Città Leonina, que, xunto ao castelo Sant’Angelo, se converteu na praza forte medieval do papa, baixo a súa xurisdición directa. Despois dun período de decadencia e de ruína a raíz da estancia dos papas en Aviñón (1309-1377), houbo unha época de prosperidade e de esplendor, iniciada por Gregorio XI (1227-1241), en que o Vaticano substituíu definitivamente a Letrán como residencia pontificia. Os seus sucesores dedicaron unha gran parte da súa actividade a restaurar, ampliar, fortificar e enfeitar o Vaticano e o Borgo circundante, que se ampliou cara ao N co Borgo Angelico. A partir do Saqueo de Roma (1527), o Borgo foi abandonado pola xente acomodada e converteuse nun dos barrios máis pobres da urbe, integrado no barrio do Trastevere (1586). Vítor Manuel II puxo fin ao proceso de reunificación italiana coa ocupación de Roma en setembro de 1870. Esta situación deixaba o papado internacional xuridicamente desprovisto da soberanía temporal que ata daquela lle conferiran os Estados Pontificios. A conveniencia política de formalizar unhas relacións do estado italiano coa Santa Sé induciu ao parlamento italiano a decretar unilateralmente unha lei que determinaba as relacións entre o estado e a Igrexa (1871). Esta lei non foi recoñecida polo Papa Pío IX (1846-1878), pero tivo o recoñecemento tácito internacional. Finalmente o papado formalizou un acordo co estado italiano e os Pactos de Letrán (1929), asinados baixo o pontificado de Pío XI (1922-1939), por Benito Mussolini e o cardeal Pietro Gasparri, secretario de estado, puxeron fin á Cuestión Romana. Os pactos recoñeceron a plena soberanía do papa sobre a Cidade do Vaticano o mantemento das relacións exteriores, garantiron os accesos por terra e mar e outorgaron o dereito de cuñar moeda paritaria respecto do estado italiano. O actual complexo de construcións vaticanas foi iniciado basicamente a partir do retorno de Aviñón. Das construcións primitivas non quedan máis ca uns poucos vestixios: monumentos e inscricións relativas aos cultos de Cibeles e Mitra e restos arqueolóxicos da primitiva basílica constantiniana. Nicolao V (1447-1455), con proxectos de León Battista Alberti, Bernardo Rossellino e doutros arquitectos, estableceu un ambicioso programa de renovación urbana, e en 1450 iniciou un gran palacio, convertido na norma das obras posteriores. Sisto IV engadiulle a Capela Sistina (1473-1480). Inocencio VIII (1484-1492) construíu no cumio do Belvedere un pequeno palacio. Alexandre VI (1492-1503) volveu ao palacio papal de Nicolao V, fortificouno e fixo decorar os seus apartamentos por Il Pinturichio (1493-1494). Xulio II (1503-1513) encargoulle a Bramante o derrubamento da basílica constantiniana e ordenou a construción dunha nova basílica, que durante un século e medio reuniu o traballo dos artistas máis importantes do Renacemento e do Barroco. Bernini coroou a obra coa praza elíptica porticada (1667). O mesmo Xulio II impulsou unha ampliación fundamental do Palacio Apostólico, que lle encomendou a Bramante e Rafael. Tamén por iniciativa de Xulio II, Miguel Anxo decorou con frescos a Capela Sistina e Rafael, as estancias do papa. Para Paulo III (1534-1540), A. da Sangallo o Novo aparellou a Capella Paolina, a Sala Regia e a Sala Ducale. Con Sisto V (1584-1590) Domenico Fontana construíu o gran palacio que domina os Borghi e a praza de San Pedro, e partiu co Salone Sistino da Biblioteca o inmenso patio do Belvedere. Por encargo de Urbano VIII, Bernini construíu a Scala Regia e reformou a Sala Ducale. Agás os edificios construídos por Pío IX (1922-1939) tras a constitución do novo estado da Cidade do Vaticano, as obras máis destacadas desde o s XVIII son as de adaptación e de restauración dos edificios anteriores, a construción de novos para conservar e amosar ao público as coleccións vaticanas (Musei Vaticani) e a construción da Domus Sanctae Marthae, unha residencia para os cardeais, inaugurada en 2003. Desde 2005 o xefe de estado é o Papa Benedito XVI, de nome Joseph Ratzinger.