Vaticano I, concilio

Vaticano I, concilio

ixésimo concilio ecuménico da Igrexa Católica, celebrado en San Pedro do Vaticano do 8 de decembro de 1869 ao 18 de xullo de 1870. Foi suspendido ante a presenza de tropas do Piemonte arredor de Roma e a el asistiron 774 bispos. Os bispos das dioceses galegas asistentes ao concilio foron José de la Cuesta y Maroto, bispo de Ourense, Ramón García Antón, bispo de Tui, e José de los Ríos y Lamadrid, bispo de Lugo. O cardeal Miguel García Cuesta, arcebispo de Santiago de Compostela, calificado polo nuncio Barili como o prelado máis instruído de España, viuse privado polo Goberno do pasaporte para asistir ao concilio, debido a súa defensa da liberdade eclesiástica fronte ao Estado. Aos traballos preparatorios foi invitado o cóengo compostelán Santiago Viqueira, que excusou a sua asistencia por mala saúde. Pío IX convocouno coa bula Aeterni Patris (29 de xuño de 1868). As invitacións cursadas aos patriarcas orientais ortodoxos e ás igrexas protestantes non foron aceptadas. Por primeira vez na historia non foron invitados os xefes de estado católicos. Desde o principio, suscitou receos a posible conexión entre o Syllabus de Pío IX e o concilio. Aprobáronse constitucións conciliares, a Dei Filius (24 de abril de 1870) e a Pastor aeternus (18 de xullo de 1870). Foi normal a discusión da primeira constitución, que foi aprobada nos seus catro capítulos, sobre a existencia e o coñecemento dun Deus persoal, a necesidade da revelación divina, a esencia da fe e a relación entre fe e ciencia. A constitutición De Ecclesia foi reducida a catro capítulos sobre a institución do primado por parte de Xesucristo na persoa de Pedro, a permanencia deste primado na persoa do bispo de Roma, sucesor de Pedro, a amplitude e as características de dito primado e a infalibilidade do papa nos seus pronunciamentos ex cathedra sobre temas de fe e costumes. Esta foi a constitución aprobada, á par que se aprobaba a suspensión do concilio e quedou sen ser discutida a segunda constitución sobre a Igrexa. A definición do primado e a infalibilidade papais foron aceptadas sucesivamente nos ámbitos católicos, agás duns cantos círculos, sobre todo centroeuropeos, dos cales xurdiu a igrexa dos vello-católicos.