Vaud
Cantón do SO de Suíza (3.212 km2; 639.200 h [2000]). A súa capital é Lausanne. Abrangue o extremo meridional do altiplano do país, ou Mittelland, desde a beira norte do lago Léman ata a beira do lago de Neuchâtel; inclúe tamén, no O, a vertente suroriental do Jura, e ao L os Prealpes e o alto val do Saar. A poboación, de lingua francesa e de confesión predominantemente protestante, concéntrase na beira do lago de Xenebra, onde están Lausanne e os núcleos de Montreux, Vevey e Nyon, principais centros urbanos e industriais. A zona do centro é unha rica área de policultivo, con árbores froiteiras e hortalizas, e viña na beira do lago Lemans. Foi centro hexemónico da Helvecia romana e durante o s XII foi integrado no imperio xermánico. Foi dominio do condado de Savoia (ss XIII-XIV) e en 1526 introduciuse a Reforma. En 1536 converteuse en país vasalo de Berna, ata a invasión francesa (1789). A Acta de Mediación de Napoleón (1803) integrouno como cantón soberano na Confederación Helvética, con constitución democrática. O Congreso de Viena (1815) liberouno definitivamente da vasalaxe de Berna.