Vázquez Díaz, Francisco
Escultor. Coñecido como Compostela, formouse como ebanista en varios obradoiros e asistiu á escola da Sociedad de Amigos del País e á Escola de Artes e Oficios. En 1918 trasladouse a Madrid. Especializouse na talla de animais e, o 1 de xaneiro de 1927, deuse a coñecer cando colocou unha chea de esculturas na escalinata do Congreso de los Diputados, o que lle permitiu días despois realizar a súa primeira exposición. En 1930 recibiu unha bolsa de viaxe da Deputación da Coruña e marchou a París. Durante a Guerra Civil uniuse ao Batallón de Milicias Populares de Galicia e foi escultor oficial da 11ª División de Líster. Realizou entón obras de contido político e diversos retratos como os de Líster ou Rafael Alberti, obras que se poden enmarcar no realismo socialista. Estivo en diversos campos de concentración de Francia e a finais de 1939 marchou á República Dominicana. En 1940 trasladouse a Puerto Rico onde dirixiu desde 1955 o taller de escultura do Instituto de Cultura Puertorriqueña. As súas obras, esencialmente animais, que en América se volveron máis estilizadas, amosan a súa formación e a relación co popular. Destacan Cabeza de República, Maternidade, Irmanciños (1941), Xirafas, Conferencia e Marabú (1978).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Santiago de Compostela -
Deceso
Lugar : San Juan, Puerto Rico