Vázquez Fernández, Luís Benigno
Escritor e médico. Coñecido como Luís Pimentel, destacou como poeta en galego dos grupos de vangarda. Licenciouse en Medicina (1922) pola Universidade de Santiago de Compostela e despois marchou a Madrid para realizar o doutoramento; alí puido coincidir con moitos intelectuais da época na Residencia de Estudiantes e coñecer a obra de J. R. Jiménez e dos membros da Xeración do 27. Paralelamente comezou a colaborar en publicacións periódicas. En 1924 apareceu na revista Ronsel, de Lugo, a súa primeira entrega literaria, o poema en castelán “Mi pequeño deseo” e, posteriormente, creou a súa propia sección, titulada “De mi Tagebuch”, onde incluíu algúns poemas e prosa en castelán. A través da revista entrou en contacto cos seus directores, Álvaro Cebreiro e Correa Calderón, xunto con outros destacados intelectuais galeguistas da época, especialmente aqueles que se relacionaron coa editorial Galaxia. Impulsor da revista Xistral (1949), colaborou con outras publicacións da época, como Espadaña e Garcilaso, ou no xornal El Progreso. En 1950 editou o seu primeiro poemario en galego, Triscos, na colección “Benito Soto” de Pontevedra, cunha introdución escrita por Ánxel Fole. Postumamente (1959), saíu o seu segundo poemario, Sombra do aire na herba, editado e prologado por Celestino Fernández de la Vega. En 1960 tirouse do prelo o poemario en castelán Barco sin luces, acompañado dunha presentación de Dámaso Alonso, nunha edición ao coidado de Ánxel Xohán. Esta obra, relacionada coas súas experiencias como médico de garda, transloce o seu humanismo solidario. Influído por Juan R. Jiménez, Laforgue, Rilke, Rosalía e Francis Jammes, e polas correntes do impresionismo, o decadentismo, o esteticismo e o superrealismo, participou do simbolismo ao longo de toda a súa obra, parte dela en castelán. Destacan a súa idea de xustiza social, o seu intimismo, a humanización de todos os obxectos que rodean o poeta, e a presenza de Lugo e dos lugares que frecuenta. A poesía representa para o autor o seu refuxio persoal; nese sentido, os horrores da Guerra Civil, que tamén introduciu na súa obra poética (como na célebre composición “Cunetas”), fixérono sufrir como poucos naqueles tempos de fusilamentos e enfrontamentos. No apartado estrutural, destaca o verso libre e a importancia da palabra como elemento clave e definidor. Por outra banda, é mester sinalar a influencia da música nos seus textos, en concreto a obra de Debussy, Ravel e Stravinskij, que o levou a escribir, en común acordo con Bal e Gay, tres pezas para ballet: “La muerte de Pierrot”, “El vals de la niña pobre” e “Eufemia”. O seu interese polo teatro traduciuse na escrita de Angustia e de tres dramas inconclusos, La pistola, Terra e No era de este mundo. En 1990 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Lugo -
Deceso