Vázquez Iglesias, Carmen Pura
Escritora e mestra, irmá de Dora Vázquez. Coñecida como Pura Vázquez, foi secretaria da Escuela de Periodismo da Universidad Central de Caracas e encargada do Archivo Fotográfico do Instituto Nacional de Cooperación Educativa. Colaborou en diversas publicacións periódicas, como ABC, Estafeta Literaria, La Noche, Posío, La Voz de Galicia e La Zarpa. A súa obra, fundamentalmente poética, caracterízase polo lirismo, a relixiosidade e o intimismo, con certas doses de preocupación social e o emprego dalgúns tópicos de carácter romántico. É autora de Íntimas (1952), Maturidade (1955), A saudade e outros poemas (1963), O desacougo (1971), Verbas da edra no vento (1992) e Zodíaco, opúsculo (1992). No eido da literatura infantil, de trazos moralistas e clásicos, destacan os poemarios Versos pra os nenos da aldea (1968) e A música dos tempos (2002), ademais da narración “Segundo Pereira”, incluída no libro Dúas novelas galegas (1985). No terreo da dramaturxia, salienta Monicreques (1974), escrita en colaboración coa súa irmá. Recibiu o Premio Trasalba (1996) e o Premio das Letras e as Artes de Galicia (2000). É membro correspondente da Real Academia Galega (1949).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Deceso
Lugar : Ourense