Vázquez Raña

Vázquez Raña

Familia de empresarios orixinaria de Avión e establecida en México. Venancio Vázquez Álvarez trasladouse a México en 1928, onde fundou Almacenes Vázquez, que posteriormente se denominaron Hermanos Vázquez, e que constituíu o punto de partida para os negocios de seus fillos. Olegario Vázquez Raña (Ciudad de México 1935) é o propietario do Grupo Empresarial Ángeles, integrado por empresas do sector sanitario, hoteleiro e restaurador e do sector aeroportuario, e no que tamén participan seu fillo, Olegario Vázquez Aldir, e o seu irmán, Apolinar Vázquez Raña . Membro permanente do Comité Olímpico Mexicano, foi presidente da Federación Mexicana de Tiro Deportivo (1975-1992) e da Federación Internacional de Tiro Deportivo e participou nos xogos olímpicos entre 1964 e 1976. Mario Vázquez Raña (Ciudad de México 1932) abandonou os negocios familiares en 1976 e fíxose cargo da Organización Editorial Mexicana, coñecida como Grupo Sol, a maior editora de periódicos en lingua castelá que ten tamén unha emisora de televisión, estacións de radio e o negocio de impresión máis grande de México. Presidente honario e vitalicio do Comité Olímpico Mexicano, foi membro do COI. Publicou Diálogos con la Historia, entrevistas con 136 jefes de estado. Recibiu a Medalla Castelao. Abel Vázquez Raña creou o Grupo K2 que se dedica, entre outras actividades, ao mantemento de liñas e instalacións telefónicas.