Veiga Iglesias, Pascual

Veiga Iglesias, Pascual

Director e compositor. Estudou órgano con Rafael Tafall. En 1864 foi nomeado organista da colexiata da Coruña e escribiu gran parte das súas composicións relixiosas, como unha Misa de réquiem, un Te Deum e diversos motetes e vilancicos. Vicepresidente da sección de música do Liceo Brigantino, en 1877 obtivo o primeiro premio co Orfeón Brigantino nun certame organizado polo Círculo de Gimnasia y Esgrima. Neses anos musicou algunhas composicións escritas por Francisco María de la Iglesia, como Gallegos. A nosa terra! (1879), Os Ártabros. Escena orfeónica e As Artes, ademais dalgunhas alboradas, barcarolas, muiñeiras e serenatas. Abandonou o Orfeón Brigantino en 1878 e fundou o Orfeón Coruñés, co que conseguiu o primeiro premio do certame organizado polo Liceo Brigantino. Tamén nese ano publicou nos obradoiros tipográficos de Vicente Abad a Aurora de Galicia. Almanaque literario para 1879. En 1880 estreou co Orfeón Brigantino a Alborada Gallega, tamén coñecida como Alborada de Veiga, nun certame organizado pola Sociedad de los Juegos Florales de Pontevedra. En 1882 fundou El Nuevo Orfeón, logo chamado El Eco, co que conseguiu o primeiro premio nun certame organizado polo Recreo Artístico de Vigo (1883). En 1885 encargouse de presidir o certame musical do Liceo Brigantino e ao ano seguinte abandonou El Eco para fundar, en 1889, o Orfeón Coruñés número 4, que se estreou interpretando La hora del crepúsculo e a muiñeira La Escala. No seguinte concerto, o repertorio incluíu as barcarolas Una noche en Nápoles e Recuerdo a Mr. Percire, da autoría de Veiga. Pouco despois triunfou na Exposición Universal de París, onde obtivo o primeiro premio e a medalla de ouro. Con motivo da celebración das festas de María Pita na Coruña en 1890, convocouse un certame musical en que se premiaron as mellores execucións de cinco modalidades diferentes. Para o apartado de marcha rexional galega, e a petición do propio Veiga, E. Pondal enviou o poema “Os pinos”, que conformaría posteriormente o Himno galego. Nese mesmo momento abandonou o Orfeón Coruñés e, pouco despois, foi nomeado director da sección de música do Círculo de las Artes. En 1896 marchou a Madrid como profesor do Conservatorio de Música; ao ano seguinte foi nomeado director do Orfeón Matritense e, despois, do Orfeón do Centro Gallego ata o seu falecemento.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Mondoñedo

  • Deceso

    Lugar : Madrid