Velo Cobelas, Carlos
Realizador cinematográfico. En Ourense fixo amizade cos irmáns Lourenzo, sobre todo con Xocas e comezou a súa afección ao cine. Marchou a Madrid e a través da Residencia de Estudiantes interesouse pola acción política e o cine. En 1933 fundou o cineclub da Federación Universitaria Escolar (FUE) e investigou na obra de Flaherty, Eisenstein, Dovjenko, Pudovkin e Vertov. Filmou en 16 mm a súa tese doutoral sobre o comportamento das abellas e en 1934 dirixiu varias curtametraxes documentais, como La ciudad y el campo (1934), Felipe II y El Escorial (1935), Almadrabas (1935) e Galicia, tamén denominado Finisterre (1936). Velo deixou España en febreiro de 1938 para filmar no N de África a longametraxe documental Romancero Marroquí. En 1939 fuxiu a Francia e desde alí exiliouse en México. Neste país asumiu a secretaría xeral do Comité Técnico de Ayuda a los Republicanos Españoles. En 1942 colaborou na fundación da revista Saudade xunto ao arquitecto X. Caridad Mateo, F. Delgado Gurriarán e R. Illa Couto. Profesor no Instituto Politécnico Nacional (1940-1944) e na Universidad de San Nicolás de Hidalgo, en Morlia, abandonou o ensino e en 1946 o xeneral Juan F. Azcárate encargoulle a dirección do Noticiero Mexicano Ema, ata 1953. Este ano axudou á fundación do Padroado da Cultura Galega, que máis tarde presidiu ata mediados da década de 1970; e a revista Vieiros, que confundou (1959 e 1968). En 1956 dirixiu a súa primeira longametraxe Torero!, que lle deu sona internacional. Traballou como conselleiro de produción en Nazarín (Luis Buñuel, 1958) e Sonatas (Juan A. Bardem, 1959). En 1969 fixo catro comedias: Don Juan 67 (1967), Cinco de chocolate y uno de fresa (1968), Alguien nos quiere matar (1969) e El medio pelo (1970). En abril de 1961 pasou a presidir a delegación do Consello de Galiza en México. En 1971 dirixiu o Centro de Produción de Cortometraje, desde onde impulsou a renovación do cine azteca. En 1972 fundou o Centro de Capacitación Cinematográfico e seguiu a facer documentais cos seus equipos como Universidad comprometida (1973) e Homenaje a León Felipe (1973-1975). No sexenio Portillo, Velo foi un dos represaliados baixo a acusación de malversación de fondos, polo que pasou uns meses no cárcere e saíu sen cargos grazas á mobilización popular. En 1982 o Ministerio de Cultura español encargoulle a serie Los españoles republicanos en el exilio para acompañar unha exposición en Madrid. En 1984 foi nomeado subdirector de medios audiovisuais no Consejo Nacional de Ciencia y Tecnología de México. En 1983 recibiu o Premio Mestre Mateo da Xunta de Galicia e en 1985 foi homenaxeado nas Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia celebradas no Carballiño.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Cartelle -
Deceso
Lugar : México