Venecia, República de

Venecia, República de

Entidade política xurdida arredor da cidade de Venecia. A provincia bizantina dos vénetos foi administrada, civil e militarmente, por tribunos marítimos. A necesidade de defensa das invasións longobardas motivou o establecemento dun dux (697). Desde aquela época perfiláronse as características de Venecia como centro comercial intermediario entre Italia e Oriente, e comezou o armamento de naves. Bizancio, que conservou a soberanía sobre Venecia tras o enfrontamento cos carolinxios, non interviña na política interna dos dux, que centralizaban o poder e aspiraban a facelo hereditario. Dominadas as incursións musulmás no Adriático, os venecianos aseguraron a soberanía da costa (1000). Conxurado o perigo eslavo no s XII, Venecia puido tamén deter a invasión dos normandos. A participación veneciana na primeira cruzada limitouse á desfeita da frota pisana en Rodas (1099) e á axuda prestada ao rei de Xerusalén por vía marítima. Na segunda cruzada, Venecia obtivo San Xoán de Acre e o enfrontamento cos pisanos e xenoveses, con quen rivalizou, desde entón, polo predominio marítimo e comercial no Oriente mediterráneo. Na cuarta cruzada Venecia ofreceuse a preparar as escuadras a cambio da metade das terras que fosen conquistadas. Unha revolta popular favoreceu a acción dos cruzados, que asediaron e tomaron Constantinopla (1204), repartiron o territorio e foi instaurado o Imperio Latino de Constantinopla. Máis da cuarta parte deste correspondeulle a Venecia, que a administrou como unha colonia e obtivo dela grandes riquezas. Con Xénova estalou o conflito en Oriente, onde Venecia foi derrotada (Chipre, 1292). Logo dunha nova derrota en Curzola (Dalmacia, 1298), foi asinada a paz en Milán (1299). As imposicións alfandegueiras dos xenoveses para os venecianos reavivaron a guerra entre ambas as potencias. Venecia buscou a alianza de Pedro III de Aragón, que foi asinada en Perpignan (1351) e supuña a guerra aberta contra Xénova. Uniuse á alianza o emperador grego Xoán VI Cantacuzeno, sobre quen pesaba o dominio xenovés de Pera. A definitiva paz con Xénova foi asinada en Turín (1381). A expansión de Venecia continuou por Verona, Padua e Lombardia. Pero a toma de Constantinopla por parte dos turcos (1453) era un novo perigo cando as viaxes dos portugueses polas costas africanas contribuíron á diminución do poder mercantil veneciano. A república limitouse a conservar a paz cos turcos, e a facer fronte á expansión crecente da casa de Habsburgo. Malia todo, os ataques turcos levaron a Venecia a se aliar coa Igrexa e coa monarquía hispánica e obtiveron a vitoria de Lepanto (1571). Con todo houbo un novo enfrontamento cos turcos por Creta e a súa definitiva perda en 1669. A chegada dos turcos ata o centro de Europa fixo que Venecia fose chamada a formar parte da Liga Santa para combatelos novamente (1683). Tras a paz de Passarowitz (1718) dos turcos con Austria, Venecia adoptou unha posición de neutralidade total, malia que, a consecuencia das guerras de sucesión española e polaca, o seu territorio tivo que sufrir frecuentes prexuízos por parte dos franceses, austríacos e españois. Venecia viuse incapaz de levar a cabo unha verdadeira transformación política e non reaccionou ata que Napoleón ocupou Verona (1796). Napoleón quería dispor de Venecia e cederlla a Austria. O derradeiro dux, Ludovico Manin, abdicou; por culpa duns incidentes que foron tomados como un inicio de revolta, unha rápida votación declarou a disolución do Maggior Consiglio e, con ela, a fin da república. Polo Tratado de Campoformio (1797), a dominación austríaca chegaba ata o Adige; e a zona occidental pasou á nova república Cisalpina. A dominación durou ata 1866, cando Austria foi vencida por Napoleón III, quen obtivo a cesión de Venecia e lla entregou a Italia.