veneciano -na
(< topónimo Venecia)
-
adx
Relativo ou pertencente a Venecia ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Venecia.
-
s
m
[LING]
ariedade lingüística véneta da familia italorrománica do phylum indoeuropeo. Caracterízase porque as vogais finais -e e -o enmudecen tras n (vien, vén), l e en certas condicións tras r (andar, dir), o ditongo uo pasa a io, e o timbre das vogais intertónicas mantense podendo pasar a a (sénare ‘cinsa’). A partir do s XV converteuse polo seu prestixio político e social en lingua oficial e de comunicación nas terras vénetas.
-
escola veneciana
[ARTE]
Escola de pintura desenvolvida en Venecia entre os ss XIV e XVIII. Entre os ss XIV e XV mantivo a tradición bizantina que se desenvolvera e enriquecera con novas achegas desde a Alta Idade Media. A influencia inicial da escola florentina a través da obra que Giotto executou en Padua e a aceptación posterior do estilo gótico internacional, introducido por Gentile da Fabriano, determinaron o cambio de dirección cara ás formas renacentistas. Destacaron Paolo e Lorenzo Veneziano, I. del Fiore, Iacopo e Gentile Bellini, C. Crivelli, A. Vivarini e os pintores de Murano. A mediados do s XV os contactos entre A. Mantegna e a escola veneciana sinalaron o inicio do período propiamente renacentista, onde destacaron G. Bellini, V. Carpaccio, B. Montagna ou G. C. da Conegliano. O s XVI foi o período culminante ao conseguirse a síntese entre a ilustración e a experiencia sensible, sobre todo por medio da luz e da cor. Giorgione, Palma o Vello e, sobre todo, Tiziano foron os seus principais rerpresentantes. As achegas de Tintoretto e de Veronese marcaron unha renovación constante ata finais do s XVI. Entre os manieristas destacan Il Pordenone, P. Bordone, Palma o Novo e os Bassano. No s XVII a pintura decorativa entrou nun período de decadencia. A comezos do s XVIII rexurdiu con forza unha escola de artistas que espallaron por toda Europa a tradición do s XVI, xunto coas experiencias barrocas doutras escolas italianas, como M. Rici, Francesco Zucarelli ou A. Longhi. Os máximos representantes deste período foron os vedutisti Il Canaletto e Francesco Guardi, mentres que Giovanni Battista Piazzetta e Giovan Battista Tiepolo destacaron no campo da pintura mural. Con eles pechouse o ciclo da pintura veneciana e da escola italiana.