vento
(
-
s
m
[CLIMAT]
Movemento natural, xeralmente horizontal, de masas de aire. Os desequilibrios térmicos entre uns lugares e outros provocan diferenzas de presión atmosférica e producen os ventos. Así, desencadéase un fluxo de aire desde as presións altas cara ás baixas, con tendencia a seguir a dirección do gradiente de presión. Os gradientes fortes de presión, que se representan nos mapas meteorolóxicos con isóbaras moi próximas, ocasionan ventos fortes, mentres que onde o gradiente é reducido os ventos son frouxos. As calmas prodúcense naquelas áreas onde non hai diferenzas de presión atmosférica, especialmente no centro dos anticiclóns. Os ventos non seguen exactamente a dirección do gradiente de presión porque, a causa da rotación da Terra, actúa sobre eles a forza de Coriolis, que tende a desviar a súa traxectoria cara á dereita no hemisferio norte e cara á esquerda no hemisferio sur. O vento ideal, equilibrio entre a forza de gradiente de presión e a de Coriolis, é o vento xeostrófico. En xeral, cando as isóbaras son rectas, e en latitudes altas, o vento flúe paralelamente a elas, de maneira que, no hemisferio norte, deixa as baixas presións á esquerda e as altas á dereita (lei de Buys Ballot), mentres que no hemisferio sur acontece o contrario. No hemisferio norte os ventos móvense en sentido contrario ás agullas do reloxo en réxime ciclónico, e no sentido destas en situación anticiclónica. No hemisferio sur o esquema é totalmente oposto. Preto da superficie da Terra as forzas de rozamento do aire co chan actúan de tal xeito que contrarrestan en parte a forza de Coriolis e fan que o vento sopre oblicuamente a través das isóbaras. Os ventos superficiais diríxense na área ciclónica cara ao centro e na área anticiclónica cara a fóra, o que representa un fluxo de aire diverxente que vai acompañado dun afundimento (subsidencia) do aire do centro do anticiclón. Para poder describir o vento cómpre indicar dúas magnitudes: a dirección e a velocidade. Tómase como dirección do vento aquela de onde procede, para o que se utilizan os puntos cardinais. A forza ou velocidade do vento en superficie mídese por medio do anemómetro. Para determinar a velocidade do vento na altura utilízanse os globos pilotos (sondaxe atmosférica). Para determinar a forza do vento utilízase a escala de Beaufort, constituída por números que van do 0 ao 12. En climatoloxía é frecuente o uso da rosa dos ventos. Pódese supor que a Terra está dividida en zonas con ventos predominados. Entre os 5°S e os 5°N de latitude está localizada a zona ecuatorial de calmas. Ao N e ao S desta zona, entre os 5° e os 30° de latitude, están os cintos de ventos alisios. No hemisferio norte os alisios son ventos predominantemente do NL, e no hemisferio sur son ventos do SL. Entre os 30° e os 35°, tanto ao N como ao S, están os cintos subtropicais de calmas, que coinciden co cinto subtropical de altas presións. Por riba destas latitudes, entre 35° e 60°, tanto ao N como ao S, está o cinto dos ventos do oeste; constituído fundamentalmente por ventos do SO. O sistema de ventos polares do leste é característico das latitudes moi altas; no resto da troposfera hai dous sistemas dominantes: o sistema de ventos do oeste (westerlies) e o sistema de ventos ecuatoriais do leste (easterlies). Na zona dos ventos do oeste hai estreitas bandas en que o vento acada grandes velocidades (de 300 a 400 km/h); trátase do jetstream. Os ventos de montaña e os dos vales son producidos polo quentamento entre as vertentes da montaña e dos vales. Nos ventos de drenaxe ou ventos catabáticos o aire frío desprázase, pola influencia da gravidade, das rexións máis altas ás máis baixas. Outro tipo de vento local é o föhn.
-
s
m
[MIT]
Cada un dos seres mitolóxicos, fillos de Eolo, que personifican os diferentes ventos. Na Antigüidade clásica teñen figura de demos ou deuses. Segundo a Eneida de Virxilio, seu pai tenos pechados nunha gran cova. Nos poemas homéricos aparecen antropomorfizados como Bóreas, Céfiro, Euro ou Noto, e son obxecto de culto con sacrificios humanos. As súas compañeiras son as harpías, identificadas coas tempestades.
-
s
m
Espazo libre entre as doelas da cámara do hórreo que facilitan o secado do froito.
-
s
m
Corda que, suxeita por un extremo a un lugar fixo, se afirma polo outro extremo a unha peza longa e dereita que evita que se mova.
-
s
m
Gas xerado no estómago ou nos intestinos.
-
vento solar
[ASTRON]
Fluxo de partículas cargadas que sae do Sol cara ao espazo interplanetario. Está constituído principalmente por núcleos de hidróxeno e electróns libres, e, en menor proporción, por núcleos doutros elementos máis pesados. O vento solar orixínase na cromosfera e ten manifestacións importantes, como as auroras polares e o cinto de Van Allen, e un papel esencial na orixe da cola de plasma dos cometas.
Frases feitas
-
Aos catro ventos. En todas direccións.
-
Contra vento e marea. Facendo fronte ás dificultades.
-
Medir o vento por ferrados. Ser algo moi esaxerado.
Refráns
- "Cando non hai vento non fai mal tempo.
- Aire soán, auga na man.
- Aire soán, frío no inverno e quente no verán.
- Auga na man con aire soán, sendo no inverno, mais non no verán.
- Cando con soán chove, tódalas pedras remove.
- Cando con vento soán chove, tódalas pedras move.
- Cando do leste chove, ata as pedras remove.
- Cando fai vento, fai mal tempo.
- Co aire do poñente solta os bois e vente.
- Con vento límpase o trigo; e con castigo, os vicios.
- Con vento non hai bo tempo.
- Con vento soán vén a auga á mano
- Norte escuro, vendaval seguro.
- O aire soán, nin no inverno nin no verán.
- O vento soán trae a chuvia á mano
- Pouca vela, moito vento.
- Vento antes de chuvia, déixate ir que non hai dúbida; chuvia antes de vento, métete dentro.
- Vento de marzo e chuvia de abril cargan o carro e o carril.
- Vento do cabo, á noite quedado.
- Vento en popa é medio porto.
- Vento marzal, bo temporal.
- Vento que se deita ao anoitecer, érguese ao amañecer.
- Vento que se queda a cear, tamén quere almorzar.
- Vento soán, auga na mano
- Vento soán, malo de inverno e peor de verán.
- Vento soán, malo no inverno e peor no verán.
- Vento travesía polo norte pía.