Veracruz

Veracruz

Estado de México, limitado ao N polo estado de Tamaulipas e polo golfo de México, ao L polo golfo de México e o estado de Tabasco, ao S polos estados de Chiapas, Oaxaca e Puebla e ao O polos de Puebla, Hidalgo e San Luis de Potosí (71.699 km2; 6.908.975 h [2000]). A capital é Jalapa Enríquez. Forma unha estreita franxa de terra entre o mar e as cordilleiras da parte occidental. Os ríos son numerosos e curtos, e destacan o Blanco, o Papaloapán, o San Juan, o Coatzacoalcos e o Pánuco. O clima é tropical chuvioso. A economía baséase na agricultura e na gandaría bovina e cabalar. Hai explotacións forestais, industria petroleira e dos seus derivados, química, téxtil e do calzado. Foi habitado por tribos de cultura olmeca, totonaca e huaxteca. En 1518 Juan de Grijalva explorou a súa costa, e ao ano seguinte Hernán Cortés   fundou a súa capital. En 1824 converteuse en estado.